– Prevese que os traballos de construción comecen durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2025
– A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá no Concello coa Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, María Francisca Gómez
A Consellería de Política Social e Igualdade xa ten rematado o proxecto do centro de coidados intermedios, que recolle as liñas xerais de deseño que se seguirán en todo o complexo do macroproxecto sociosanitario pioneiro en España do Rebullón.
Para tratar sobre o devandito proxecto, a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, María Francisca Técnica, reuniuse hoxe no Concello de Mos, acompañada por técnicos autonómicos, coa alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, o concelleiro de Igualdade e Contratación, Leo Costas, o edil de Urbanismo, José Ramilo e técnicos municipais. Os representantes da Xunta de Galicia informaron de que o procedemento de licitación da contratación da obra iniciarase de xeito inmediato e os traballos de construción comezarán no vindeiro ano 2025, previsiblemente durante o primeiro trimestre do ano. Tamén en 2025 o Concello de Mos iniciará a construción da nova Escola Infantil do Rebullón.
Tendo en conta isto, a Consellería de Sanidade avanzará tamén no novo centro de saúde, que será a segunda obra a acometer pola Xunta. E a última en levarse a cabo será a da residencia de maiores.
Datos sobre o centro de coidados intermedios
O centro de coidados intermedios do complexo sociosanitario do Rebullón, xunto co de Santiago no edificio CEGADI, será o primeiro centro público destas características en España. Así, o seu obxectivo será atender a persoas que xa recibiron a alta hospitalaria pero que seguen precisando coidados específicos. Deste modo, continúase a súa atención e rehabilitación desde o ámbito social. Contará con 60 prazas. E un orzamento de 5,4 millóns de euros.
Demais infraestruturas do macroproxecto do Rebullón
En canto á Escola Infantil, o Pleno do Concello de Mos aprobou o pasado mes de abril por maioría o expediente de cambio de uso dotacional no equipamento da parcela destinada a Escola Infantil no Rebullón, necesario para poder levar a cabo todos os trámites necesarios para o novo centro, tanto a redacción do proxecto, como o procedemento de licitación da obra, e posterior execución da mesma. A devandita parcela conta cunha superficie de 4.970 m2.
A administración local mosense ten iniciado o expediente de contratación do proxecto da nova Escola Infantil do Macro Proxecto Sociosanitario do Rebullón e as obras se iniciaranse en 2025.
A alcaldesa apuntou tamén que a nova Escola Infantil do Rebullón, estará dotada de ata 82 prazas. Tratarase dun edificio modular cun orzamento total que ascende a 1.250.000 euros, para o cal o Concello de Mos xa conta con apoio económico de financiación por parte da Xunta de Galicia de 707.198,70 euros a través de convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Política Social e a administración local.
Esta Escola Infantil modular execurarase en dúas fases. A primeira fase, que será a que comece o ano que vén, cubrirá o 50% da capacidade das aulas, isto é, construiranse as zonas comúns e 3 aulas para 41 prazas. A segunda fase levarase a cabo o vindeiro ano 2025 e nela acometeranse as 3 aulas restantes para as outras 41 prazas.
O novo Centro de Saúde construirase no complexo sociosanitario que aproveita as instalacións do antigo hospital do Rebullón. “O centro actual conta con 28 anos de antigüidade e é preciso dimensionalo de acordo ao crecemento do Concello para poder asumir de maneira óptima a crecente carteira de servizos” comentaba Arévalo, rexedora local mosense.
Este novo centro inserirase nun proxecto integral que inclúe a creación dun complexo sociosanitario no antigo hospital do Rebullón, onde compartirá espazos con outras dotacións como un centro público de coidados intermedios, unha nova escola infantil ou unha residencia para persoas maiores.
O proxecto reserva para o novo Centro de Saúde máis de 2.300 m2 dentro do edificio do antigo hospital, o que supón un incremento de superficie do 44% (o actual conta con 1.641 m2). Esta ampliación permitirá ampliar os espazos e a carteira de servizos do centro, estando prevista a creación de dúas consulta máis de docencia, unha área de pediatría específica, a ampliación da área de fisioterapia, ou o incremento de 1 a 4 salas polivalentes para a atención de persoas adultas.
A alcaldesa Nidia Arévalo declarou que “co inicio das obras máis inminentes do centro de coidados intemedios e da escola infantil, cumprimos a nosa palabra de avanzar neste estratéxico proxecto para o noso municipio que logrará transformar o Rebullón nun espacio sociosanitario de referencia en toda España grazas á colaboración entre Concello de Mos e Xunta de Galicia”.
“Un novo soño para Mos comeza a ser realidade, recuperaremos e daremos vida un espacio emblemático na provincia para dar servizos tan necesarios e demandados en Mos e comarca, polo que lle dou as gracias á Xunta de Galicia polos compromisos con Mos cumpridos”, finalizou Arévalo.