Hoxe, con motivo das actividades do 25N, estivo con nós na Escola Infantil Municipal “A Rolada” a ilustradora e contadora de historias Marisa Irimia co espectáculo de narración oral “Nin máis nin menos”. Unha proposta participativa, chea de maxia, aventuras, risas, emocións e historias adaptadas ao entendemento das crianzas.
Porque se queremos un mundo libre de machismos e de discriminacións por razón de sexo ou xénero. Se queremos unha sociedade onde as relacións entre as persoas se baseen na empatía, na escoita activa, no respecto e na igualdade, hai que empezar educando (dentro e fóra da casa) desde a primeira infancia.
Lembrade que este serán e máis mañá temos outras dúas citas programadas co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas:
- Venres 29, 19:00h, Casa da Cultura: Cineforo “En deuda con todas. A loita pola despenalización do aborto no Salvador. O dereito a decidir sobre os nosos corpos. Cuestión de Xustiza.
- Sábado 30, 19:00h, Casa da Cultura: “Vicio houbo sempre”, con Atenea García, no que se contan distintas historias recollidas entre mulleres de máis de 80 anos nas que se fala de amor, pracer, sexualidade e incluso de vida nas marxes.
Tralo Cineforo e tamén tralos contos e a música de Atenea García haberá uns petiscos no recibidor da Casa da Cultura.
Por outra banda, este domingo, 1 de decembro, a ACRD Santa Mariña do Monte organiza un encontro coa xornalista, sexóloga e divulgadora Laura Veiga para falar e resolver dúbidas sobre sexo, xénero, orientación e identidade sexual. Será no local social de Santa Mariña a partir das 18:00h. Pódese obter máis información no 646 938 132.