O concerto será gratuíto e terá lugar o sábado 14 de decembro, ás 19:30 horas, no auditorio Abanca en Compostela
A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla van acometer un ambicioso proxecto: un macroconcerto para seiscentas persoas que terá lugar no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela o sábado 14 de decembro, ás 19:30 horas. Unha iniciativa que presentaron na noite de onte o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; o director da EM de Santa Cruz de Ribadulla, Fernando Rey; e Xerardo Albela, integrante de A Requinta da Laxeira, nun acto celebrado nas Destilerías Pepe Albela en Vedra.
Fernando Rey explicou que “será un concerto moi especial no que faremos unha viaxe pola música tradicional galega xunto cos compañeiros da Requinta Laxeira”. Neste sentido, indicou que este concerto supón retomar un ambicioso e ilusionante proxecto que estaba previsto realizar o 17 de maio de 2020, pero que tivo que ser suspendido pola pandemia sanitaria. Agora, catro anos despois, as dúas formacións acordaron retomar a iniciativa, que verá finalmente a luz o sábado 14 de decembro.
“Para nós é tamén un pouco pechar o ciclo deste instrumento, que é a requinta e particularmente das formacións que tocaban a requinta porque gran parte do seu repertorio procedía de bandas de música como Ribeira Vella ou a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla. E agora é a Requinta da Laxeira quen lle pasa repertorio á banda de música para que lle dean nova vida”, apuntou Xerardo Albela.
Poñer Vedra no mapa
Pola súa banda, o alcalde de Vedra felicitou aos integrantes da Requinta da Laxeira e da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla, “dous dos motores culturais do concello” que coas súas variadas iniciativas culturais “conseguen poñer Vedra no mapa”. Así, salientou que a Escola de Música “é o mellor obradoiro de emprego de Vedra”, poñendo en valor a gran cantidade de músicos profesionais que xurdiron desta agrupación.
Así mesmo, Carlos Martínez aproveitou para indicar que as 600 prazas de Santiago de Compostela non van ser suficientes para acoller un concerto deste nivel, ademais de sinalar que haberá moitos veciños e veciñas de Vedra que non poidan desprazarse a Compostela ou aos que esa xornada non lles vaia ben, polo que anunciou que “haberá que organizar un par de actuacións máis en Vedra”.
No concerto do vindeiro 14 de decembro participarán un total de 67 músicos: os doce integrantes da Requinta da Laxeira, de idades comprendidas entre os 18 e os 45 anos; e os 55 músicos da EM de Santa Cruz de Ribadulla, de entre 8 e 16 anos de idade. A asistencia ao concerto será totalmente de balde, previa invitación por parte de las dos entidades organizadoras. A maiores haberá un número de localidades reservadas ao público en xeral, que se poderán solicitar a través das Redes Sociais de A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla. Unhas entradas que poderán recollerse no auditorio Abanca de Santiago o propio 14 de decembro, unha hora antes da actuación.
Ao acto de presentación, celebrado na noite de onte xoves na Destilería de Pepe Albela en San Miguel de Sarandóns (Vedra), asistiron tamén Diana Varela, concelleira de Cultura de Vedra; Pablo Chenlo, presidente da Asociación Cultural San Campio; Juan Castro, presidente da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla; e numerosos integrantes das dúas entidades culturais.