Natalia Camiña: “Esiximos unha limpeza profunda do vertedoiro, e unha xestión adecuada dos residuos acorde coa lexislación galega, estatal e europea”
Unha das consecuencias da desastrosa xestión económica do goberno municipal é a falta de atención a moitos outros problemas do concello aos que nin se lle pon solución, nin se debaten porque todos os esforzos se concentran na busca desesperada de fondos para pagar as facturas e a débeda co ministerio. No BNG de Cuntis xa anunciamos no último pleno que nos iamos centrar neses temas, algúns deles que levan décadas sen solucionar, e que nos prexudican a todos os veciños e veciñas.
Neste sentido, un dos problemas máis importantes e que nos ten profundamente preocupados, é o estado lamentable no que se atopa o mal chamado punto limpo municipal na Ran. A pesar de ser unha ferramenta esencial para a correcta xestión dos residuos e a protección do medio ambiente, este vertedoiro encóntrase en condicións deplorables, o que xera un grave problema tanto para a saúde pública e o medio ambiente como para a imaxe do municipio.
A denuncia desta situación non é nova, leva producíndose dende polo menos o 2008 cando se anunciou a creación dun punto limpo no concello de Cuntis, trámite que nunca chegou a completarse e fai que a día de hoxe non apareza Cuntis na relación de puntos limpos da Xunta. As denuncias por parte da oposición ao longo dos anos foron constantes, algunha do 2015 por parte do propio alcalde cando estaba na oposición e a última por parte de Veciñanza que presentou unha moción no 2022. Nunca se fixo nada e do anuncio do alcalde da busca de terreos para un punto limpo mancomunado con Moraña e Caldas no mesmo ano 2022 nunca máis se soubo.
Mentres tanto a acumulación de residuos de todo tipo (voluminosos, produtos tóxicos, neumáticos..), a falta de xestión adecuada e a ausencia dun mantemento regular converteron este vertedoiro nun foco de insalubridade que medra ano a ano. Esta situación é insostible tendo en conta que se atopa nunha zona industrial cunha fabrica de alimentación moi preto do vertedoiro e vulnera todas as normativas de xestión de residuos.
O BNG de Cuntis levará este tema ao pleno para que o Concello de Cuntis tome medidas urxentes e reverta esta situación. Esiximos unha limpeza profunda do vertedoiro, e unha xestión adecuada dos residuos acorde coa lexislación galega, estatal e europea.