O portavoz do PP, que só Ɵvo o voto favorable do PSdG-PSOE, pretendía reducir a súa dedicación un 25% e manter o salario dos dous alcaldes anteriores
O alcalde do PP, Pablo Barcia, levou a pleno onte, 28 de novembro, unha proposta de salario mensual cunha dedicación parcial dun 75% composta dunha retribución de 33.571,24 € e 11.122,15 € de gastos de Seguridade Social. Barcia propuxo unha redución de 1.200€ no salario pero cunha redución da dedicación do 25%, é dicir, que viría sendo a mesma retribución que a dos anteriores alcaldes pero cunha dedicación parcial do 75%.
A retribución que percibiron nos últimos anos os dous alcaldes anteriores (Calis Montes, de AporM e Xosé Emilio Barros, do BNG) era de 34.771,24 € (11.500,00€ de Seguridade Social) por unha dedicación exclusiva a templo completo.
Esta “fórmula matemática”, como el a describiu, foi a forma que atopou o PP para poder compatibilizar a dedicación á alcaldía coa súa situación laboral como autónomo, alegando que non quería perder a posición de traballador por conta propia “por se a oposición lle facía unha moción de censura” e tiña que deixar o cargo. Así mesmo, tamén comparou a súa situación coa dos anteriores alcaldes, afirmando que a súa situación, traballando como autónomo, non era tan sinxela como a dos outros alcaldes, que “podían pedir unha excedencia nos seus traballos”.
AporM explicou que o feito de compaƟbilizar o seu negocio coa dedicación a alcaldía, non era o motivo de votar en contra da súa proposta; tampouco a de “molestar ao alcalde”. “O que non pode ser é que se intente facer unha subida de soldo encuberta dun 29% baixo esa rebaixa na dedicación” destacou o portavoz Calis Montes. “Se realmente se quere compatibilizar cunha dedicación parcial do 75%, terá que ser do 75% sobre o salario que está aprobado, o que serían 26.078,43 € de retribución (máis 8.625,00€ de Seguridade social), en lugar dos 33.571,24 € de retribución que propón”, resumiu. Con todo, AporM insistiu en que podía modificar a súa proposta nestes termos mesmo no momento do pleno e, desta forma, “teríamos votado a favor, mesmo no caso de querer repartir a súa dedicación co tenente-alcalde, no 25% restante”.
O BNG tamén reprochou que esta proposta non se presentara con transparencia e que carecía da escrupulosidade que debía terse nun asunto coma este, xa que prexudica a imaxe que a cidadanía ten da política.
O PSdG-PSOE afirmou que non debería adaptarse o salario ás circunstancias de cada alcalde porque esta práctica sentaba un precedente. Aínda así, anunciou que votarían a favor. Así pois, a proposta foi rexeitada por 7 votos en contra (AporM, 5 edís; e BNG 2 edís) fronte a 3 a favor (PP1 e PSdG-PSOE, 1).