Unha ducia de usuarios da asociación coñeceu de primeira man o ciclo de depuración da auga potable como parte dun proxecto medioambiental no que están inmersos
O Concello de Nigrán mantén un firme compromiso con Avelaíña que se materializa na financiación anual do seu proxecto ‘Vivindo Saúde’, grazas a esta iniciativa os usuarios dispoñen dun “asesor persoal”
O alcalde de Nigrán, Juan González, e as concelleiras de Educación e Servizos Sociais, Estela Pérez e Bibiana Peixoto, respectivamente, acompañaron onte a Avelaíña nunha excursión á Estación de Tratamento de Auga Potable xestionada pola concesionaria Aqualia en Priegue. Unha ducia de usuarios desta asociación de axuda a persoas con problemas de saúde mental coñeceu de primeira man o ciclo de depuración como parte dun proxecto medioambiental no que están inmersos. Ao finalizar foron agasallados cunha gorra e unha botella metálica reutilizable. Concello de Nigrán e Aqualia realizan frecuentemente visitas educativas á ETAP con todo tipo de público (desde colexios a entidades sociais).
O Concello de Nigrán mantén un firme compromiso con Avelaíña que se materializa na financiación anual do seu proxecto ‘Vivindo Saúde’. Grazas a esta iniciativa os usuarios dispoñen dun “asesor persoal” co que traballan para mellorar patróns de conducta claves para a súa vida diaria, como poden ser facer a compra, manexar cartos ou medicación ou empregar o transporte público. Paralelamente, vense beneficiados os seus familiares directos, que ven así aliviada a súa sobrecarga de coidados.
Avelaíña
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010. Tras 25 anos de andaina, na actualidade a asociación está integrada por 20 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.
Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.
Avelaíña Val Miñor conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial con 25 prazas concertadas polo Sergas e ofrece numerosos servizos como son, información e asesoramento, apoio psicológico, respiro familar e actividades de rehabilitación psicosocial a persoas afectadas e as súas familias.