Home Deputacións Deputación Ourense O xornalista e escritor porriñés Diego Giráldez gana o XLIII Premio de...

O xornalista e escritor porriñés Diego Giráldez gana o XLIII Premio de Novela Blanco-Amor, que recibiu máis do dobre de orixinais que a pasada edición

- Anuncio -

O xurado, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 49 orixinais, destaca a prosa “directa, rica e cargada de simbolismo” da novela, que trata a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e o seu traballo

Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor de Acisclo Manzano

O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, entregarase o próximo 13 de decembro durante un acto literario no Liceo de Ourense

O escritor porriñés Diego Giráldez García é o gañador do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor polo seu traballo “As obras póstumas”. Así o acordou o xurado do certame, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora por maioría de entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre das obras recibidas na pasada edición (21). Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.

No seu fallo, o xurado destaca o estilo “directo, rico e cargado de simbolismo” que caracteriza a obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo.

A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha “atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria” e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado “sen caer en estereotipos”.

Unha vez concluída a reunión do xurado, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, comunicou por vía telefónica ao escritor a concesión deste galardón pola obra que presentou ao certame baixo o lema “Contra o peito”.

O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados e o crecemento da participación neste premio, estivo presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado polo crítico literario Xosé Manuel Eyré; o xornalista e escritor Fran Fernández Dávila e a tradutora Inés Mosquera, actuando como secretaria Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega.

O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega e leva implícita a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. A entrega desta distinción celebrarase o próximo 13 de decembro durante un acto literario previsto para as 20.00 horas no Liceo de Ourense.

Xornalista e escritor

Diego Giráldez García (O Porriño, 1976) é licenciado en Historia da Arte, xornalista, escritor e comunicador. Conta con experiencia en distintos medios escritos e dixitais e fundou as revistas Kalaikia, Malladoura e CanZine.

Como autor, publicou o seu primeiro traballo literario en 2016, titulado “Galería de saldos”. Trala súa primeira incursión na narrativa cun libro de relatos curtos, foi elixido como “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, chegou ás librarías a súa primeira novela, “Hotel para coleccionistas discretos”. Posteriormente, colaborou noutras obras conxuntas ata que en 2022 viu a luz a súa segunda novela, “O meu sangue”.

En 2024, Giráldez mergúllase na narrativa infantil co conto “Xulia e as cóxegas das nubes”, publicado xunto a ilustradora MeliMolita.

O autor conta co premio literario “Manuel Murguía” e con accésits en outros galardóns. Ademais, en 2020 e 2022 quedou finalista do Premio de Xornalismo “Francisco Fernández del Riego”.

Relacionadas

A Deputación de Ourense amplía o parque provincial de maquinaria con dous novos equipos...

0
O goberno provincial adquiriu dúas máquinas orientadas a optimizar servizos, xa que permitirán poñer en marcha un grupo de traballo compartido entre as áreas...

A vicepresidenta Luisa Sánchez fai entrega de agasallos á campaña “Cada niño un juguete”

0
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou hoxe o local que a campaña solidaria “Cada niño un juguete” ten na rúa García...

A Deputación organiza esta fin de semana tres novas saídas ao abeiro do programa...

0
200 veciños e veciñas de Vilanova de Arousa, A Lama e Cambados desfrutarán de recursos de interese turístico da provincia como Meirande, a cidade...

A Deputación colabora con Executivas de Galicia no programa “Xerando Redes +45”, destinado a...

0
A vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa, asistiu ao acto de presentación dos proxectos das 11 mulleres participantes neste proxecto, cuxo obxectivo foi poñer en valor...

O vicepresidente Rafa Domínguez asiste á preestrea en Pontevedra da segunda parte da serie...

0
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistiu este martes no Liceo Casino de Pontevedra á...

Podemos Ourense apoia ao Colexio de Xornalistas de Galicia na súa denuncia contra Gonzalo...

0
Podemos Ourense apoia ao Colexio de Xornalistas de Galicia na súa denuncia contra Gonzalo Pérez Jacome por suprimir as roldas de prensa.Desde Podemos Ourense...

Publicacións Relacionadas