A institución provincial súmase ás accións promovidas desde a Asociación Juan XXIII de Pontevedra e iluminará a súa sede central durante os días 2 e 3 de decembro
A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo provincial durante os días 2 e 3 de decembro, desde as 19:00 horas ata as 8:00 horas do día seguinte, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Deste xeito, a institución provincial únese ás iniciativas promovidas pola Asociación Juan XXIII como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas con discapacidade.
O Día Internacional das Persoas con Discapacidade conmemórase cada 3 de decembro para promover o liderado e a súa participación activa na sociedade, á vez que se reivindica o traballo desenvolvido tanto polas persoas con discapacidade como polas organizacións que as representan para impulsar cambios clave na comunidade. Así, recoñécese a promoción dos seus dereitos e o seu benestar e a súa contribución ao fomento dun desenvolvemento inclusivo.
Calcúlase que unha de cada seis persoas no mundo, arredor de 1.300 millóns, sofre unha discapacidade importante, cunha esperanza de vida que pode chegar a ser ata 20 anos menor que a das persoas sen discapacidade. Ademais, son máis propensas a desenvolver afeccións como a asma, a obesidade o un ictus, así como outras de saúde mental como a depresión. Na provincia de Pontevedra, con datos do Censo de persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, hai arredor de 100.000 persoas con discapacidade.