Home Xunta de Galicia Galicia tramitará a súa propia lei de Meteoroloxía se o Goberno Central...

Galicia tramitará a súa propia lei de Meteoroloxía se o Goberno Central rexeita a solicitude da Xunta para o traspaso das competencias neste eido

- Anuncio -

— O Executivo galego avoga por aproveitar os datos punteiros que ofrece MeteoGalicia co fin de optimizar a efectividade das alertas meteorolóxicas e actuar ante episodios adversos que afectan á saúde e ao benestar da cidadanía


— A comunidade lembra que os medios do servizo galego son máis completos que os que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía na comunidade, ofrecendo información actualizada cada 10 minutos ata sumar arredor de 120 millóns de datos ao ano


— Ángeles Vázquez salienta que o Goberno autonómico investirá preto de 1.900 M€ ata 2030 nun cento de medidas para facer fronte ao cambio climático


— A conselleira subliña que a propia Unión Europea considera que as renovables son enerxías de interese público superior, vitais para avanzar cara a descarbonización, e recorda que este mandato se ve freado polas suspensións de proxectos eólicos decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia


— Augas de Galicia traballa na creación de sete zonas de inundación controlada para reducir os riscos asociados aos desbordamentos e mantén xa contactos co Concello co fin de poñer en marcha a de Ponteceso o antes posible

Galicia tramitará a súa propia lei de meteoroloxía se o Goberno central rexeita a solicitude da Xunta de traspaso das competencias neste eido co fin de optimizar a efectividade das alertas meteorolóxicas e aproveitar os datos punteiros que ofrece MeteoGalicia na comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, compareceu hoxe no pleno do Parlamento para expoñer as liñas estratéxicas do seu departamento, onde destacou que este servizo meteorolóxico propio está perfectamente equipado e preparado para anticipar fenómenos meteorolóxicos adversos derivados do cambio climático e que, nalgúns casos, afectan á saúde ou ao benestar das persoas como as vagas de calor, as inundacións ou os incendios.
Nesta liña, incidiu en que o lóxico é que Galicia faga uso dos medios á súa disposición, que son máis completos que os que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na comunidade, pois conta con 160 estacións de recollida de datos, fronte ás 52 da Aemet. A eses equipamentos engádense outros como o radar meteorolóxico de Cuntis, unha rede de detección de raios ou un equipo de radiosondaxe nos que se empregan as últimas tecnoloxías, como é o caso da intelixencia artificial.
Estas ferramentas, explicou a responsable autonómica, permiten a MeteoGalicia ofrecer información da situación real por zonas cada 10 minutos, o que se traduce en 120 millóns de datos ao ano. Unha información detallada na que se asenta a colaboración con outros departamentos como a Consellería de Sanidade no sistema de alerta temperá por episodios de calor, a Consellería do Medio Rural para a prevención dos incendios forestais ou Augas de Galicia no sistema Merlín de predición de inundacións.
Ángeles Vázquez salientou que a información recompilada por MeteoGalicia é fundamental para facer fronte ao cambio climático e avaliar as súas consecuencias, unha cuestión que vai ser estratéxica nas políticas da Xunta nos vindeiros anos co fin de dar resposta aos problemas que está a xerar o quecemento global.
Medidas fronte ao cambio climático
Neste sentido, a conselleira puxo en valor que Galicia vai tramitar o próximo ano a Lei do Clima co fin de acadar a neutralidade climática en 2040 -con 10 anos de adianto en relación co obxectivo marcado por Europa- e que a Xunta investirá ata 2030 -ao abeiro do II Plan rexional integrado de enerxía e clima- preto de 1.900 millóns de euros neste eido. Esta estratexia autonómica inclúe 93 medidas para mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro, adaptarse ás consecuencias do cambio climático, investigar as súas causas e efectos e promover a formación, concienciación e divulgación social.
Esas preto de cen medidas repártense en 34 liñas de actuación, das que a responsable autonómica detallou catro. En canto á mitigación, o Goberno galego fomentará un cambio cara o uso de transportes máis eficientes, impulsando os medios colectivos nas áreas metropolitanas e o transporte a demanda en zonas rurais.
En relación coa adaptación ao cambio climático, a Xunta reforzará a mellora dos sistemas de saneamento para evitar a contaminación das masas de auga por inundacións, desbordamentos e outros efectos asociados a fenómenos meteorolóxicos adversos. Mentres, no eido da sensibilización social, porase en marcha o programa Mocidade polo clima en materia de cambio climático para avanzar na concienciación do conxunto da cidadanía desde idades temperás.
En canto á investigación, o Executivo galego impulsará a Compra Pública Innovadora para desenvolver novas solucións fronte ao cambio climático como o mercado voluntario de créditos de carbono, que se regulará a través dun decreto e que vai en consonancia co acordo do cumio do clima de Bakú sobre o comercio de emisións de carbono. O fin último é axudar ás empresas a compensar as súas emisións de dióxido de carbono coa realización de distintos proxectos -como de reforestación- e contribuír así a avanzar cara o obxectivo da neutralidade climática.
Precisamente, para o desenvolvemento deste mercado empregaranse ferramentas tecnolóxicas e técnicas xa incluídas no proxecto SICLE CO2, no que se investirán 6,8 millóns de euros ata 2028. O 60% desta contía sufragarase con fondos europeos xa que Bruxelas vén de conceder unha axuda á comunidade que fora solicitada como un proxecto de compra pública innovadora.
Neste sentido, a iniciativa SICLE CO2 permitirá desenvolver esa plataforma na que se xestionarán os créditos de carbono e as metodoloxías de cálculo para xerar os créditos de cada proxecto. Un escenario no que a reforestación será un instrumento fundamental pois cada árbore que se planta absorbe, de media, o CO2 que emite un coche nun ano cun percorrido de 10.000 quilómetros.
Proxectos eólicos
A conselleira lembrou que nesta estratexia de loita contra o cambio climático tamén teñen un papel determinante as enerxías renovables e, máis concretamente, a eólica, da que a propia Unión Europea di que é chave para atallar a perda de biodiversidade e para avanzar cara á descarbonización. De feito, Europa considera que as renovables son enerxías de interese público superior e é o único sistema co que acadar unha redución drástica das emisións de efectos invernadoiro.
Non obstante, Ángeles Vázquez lamentou que este mandato europeo se está a ver freado polas resolucións da Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coa suspensión de numerosos proxectos eólicos e mostrou a súa confianza en que no futuro prime a doutrina aplicada nun recente auto no que preveleceu o interese público da liña eléctrica dun parque eólico fronte a outro tipo de cuestións.
A responsable autonómica asegurou que os proxectos eólicos suspendidos na actualidade suman unha potencia eólica que permitiría reducir a emisión dunha cantidade de toneladas de dióxido de carbono equivalente a unha cuarta parte dos obxectivos marcados para acadar a neutralidade climática en 2040. Polo tanto, destacou a conselleira, trátase dunha cuestión vital e dunha ferramenta prioritaria para facer fronte ás consecuencias do cambio climático.
Inundacións
Mentres, no que ten que ver coas consecuencias de fenómenos meteorolóxicos adversos como os asolagamentos, a conselleira expuxo que Augas de Galicia destinará 31 millóns de euros en 2025 a actuacións nas áreas de risco potencial e significativo de inundación (Arpsi) e destinará 2,7 millóns de euros a realizar traballos de conservación e mantemento nas canles fluviais da demarcación Galicia-Costa.
A maiores, a Xunta promoverá o vindeiro ano a creación de sete zonas de inundación controlada como medida para reducir os riscos asociados aos desbordamentos. Estas actuacións -propostas para Ponteceso, Cuntis, Baiona, Pontevedra, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Vigo- contan cun orzamento de 2 millóns de euros e Augas de Galicia xa está a manter contactos co Concello de Ponteceso co fin de poñer en marcha esta medida en canto sexa posible. O fin último é reducir o risco de inundación en determinadas zonas urbanas sensibles e favorecer que a auga reborde de xeito seguro, co menor impacto posible nas áreas máis vulnerables da contorna.
Todas estas medidas, concluíu Ángeles Vázquez, acompañaranse doutras como a creación de corredores verdes ou de apoios aos concellos para que poidan deseñar refuxios climáticos nas zonas urbanas e contribuír así a que Galicia lidere a loita contra o quecemento global manténdose como un refuxio climático de referencia.

Relacionadas

A Xunta levará este Nadal propostas culturais en galego a unha trintena de concellos

0
— O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta a programación para a época festiva con actividades que inclúen teatro, música, maxia ou monicreques —...

As axudas da Xunta para mellorar a imaxe exterior de vivendas, edificios municipais e...

0
— Ángeles Vázquez explica que as entidades locais poden optar a axudas por importe máximo de 40.000 € e os propietarios particulares, a incentivos...

A Xunta avoga pola colaboración cos axentes privados para potenciar a eficacia do Servizo...

0
O obxectivo da reunión de hoxe coas ETT é que coñezan as potencialidades deste software pioneiro, recoñecido pola Comisión Europea e dispoñible nas 54...

A Xunta incide no compromiso co fortalecemento do emprego de calidade avogando polo diálogo...

0
José González manifestou a preocupación polo futuro dos traballadores afectados en Galicia e reclamou unha maior información por parte do Goberno central, quen ten...

Ángeles Vázquez avoga por promover a participación xuvenil na gobernanza das reservas de biosfera

0
Fai fincapé na necesidade de implicar á xuventude no desenvolvemento de iniciativas e actuacións que contribúan a garantir a conservación da biodiversidade A conselleira de...

A Xunta leva investidos nos últimos anos cas 190M€ no funcionamento, o equipamento e...

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou que a Xunta tamén mantén actualizados todos os protocolos e plans de actualización e organiza de...

Publicacións Relacionadas