― A cifra de persoas desempregadas, de 121.742, baixa tanto na evolución anual, como na mensual e en relación a novembro de 2023 a caída supera á estatal en 1,75 puntos
― O paro diminuíu na evolución anual nas catro provincias e sete grandes cidades galegas, en todos os sectores de actividade e entre as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración
― A comunidade galega conta con 1.081.121 persoas afiliadas á Seguridade Social, un nivel superior ao reflectido hai dezaseis anos
Galicia obtivo, con 121.742 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros (1996) e rexistra 17.555 novas afiliacións á Seguridade Social, en relación con novembro de 2023. Ademais, na evolución anual reduce a cifra de desemprego (-7,19%) a un ritmo maior que España, superando a baixada da cifra estatal (-5,44%) en 1,75 puntos.
Así o destacou hoxe, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social, na que insistiu en valorar as cifras desde o punto de vista da súa evolución a medio e longo prazo e tamén sinalou que o desemprego tamén baixou na evolución mensual, cunha caída do 0,39%.
En relación coa comparativa interanual, José González salientou que o paro cae nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-13,32%) e o sector primario (-12,38%).
Tamén baixa o desemprego nos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración. Ademais, as cifras de parados menores de 30 anos, con 13.957, e de mulleres desempregadas, con 70.661, son as máis baixas nun mes de novembro desde que hai rexistros (2005). En canto ao dato de parados de longa duración, de 61.444, é o máis baixo nun novembro dos últimos 16 anos.
En canto ás afiliacións, o titular de Emprego tamén salientou que Galicia pechou o mellor mes de novembro desde 2007, xa que vén de sumar 1.081.121 cotizantes, un nivel superior ao reflectido en novembro de 2008 -1.064.973 afiliacións-.