Cada un destes clubs, de todo tipo de disciplinas deportivas recibe un máximo de 3.000 euros para financiar diferentes gastos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou que a Xunta de Goberno deu luz verde ao reparto de 100.000 euros entre 79 clubs deportivos de 12 concellos da contorna de Pontevedra que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal. “Somos a provincia do deporte, e para seguir séndoo temos a obriga de apoiar aos nosos deportistas e clubs, que levan con orgullo o nome da nosa provincia alá onde compiten”, asegurou López.
Cada un destes clubs recibe un máximo de 3.000 euros e son de todo tipo de disciplinas deportivas: fútbol, balonmán, ciclismo, padel, rugby, artes marciais, atletismo, montañismo, caza, esgrima, boxeo ou, entre outros, patinaxe. As axudas permitiranlle sufragar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou gastos sanitarios. En total, no conxunto da provincia distribuíronse un total de 600.000 euros.
No que respecta á contorna de Pontevedra, un club da Lama recibe 206 €, outro de Barro 1.730 €, dous de Caldas de Reis 2.832 € en total, un de Campo Lameiro 1.047 €, catro de Cuntis 5.493 €, 10 de Marín 13.266 €, dous de Moraña 2.408 €, 10 de Poio 11.871 €, dous de Ponte Caldelas 2.505 €, 39 de Pontevedra 53.910 €, dous de Portas 1.324 € e cinco de Vilaboa 4.619 €.