HomePontevedraPontevedraO PP de Vilaboa lamenta que os enlaces coa futura autovía A-57...

O PP de Vilaboa lamenta que os enlaces coa futura autovía A-57 estean incompletos e esixe ao goberno local que demande o seu remate

- Anuncio -spot_img
  • O voceiro municipal, Alberto Acuña, denuncia problemas coa sinalización, cos viais de conexión cos núcleos de Figueirido e Vilaboa, cos accesos ás empresas e coa seguridade de veciños e peóns

O grupo municipal do PP de Vilaboa vén de denunciar publicamente que os enlaces do concello coa futura autovía estatal A-57, cuxo primeiro treito abrirase nos próximos días, están incompletos e sen rematar, polo que quere esixirlle ao goberno local que demande a súa correcta finalización ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible como responsable e titular desta obra.

O voceiro municipal, Alberto Acuña, lamentou a existencia de numerosos problemas que afectan aos vilaboeses a poucos días de que a obra sexa certificada, inaugurada e posta en funcionamento, xa que a data prevista é a do 18 de decembro.

“Os catro enlaces que temos no noso concello con esta vía de alta capacidade, dous deles desde estradas nacionais moi empregadas como a N-550 e a N-554 se atopan sen sinalizar correctamente , nun estado indigno para entrar ou saír do noso municipio tras un investimento millonario e cunha infraestrutura que se fachenda do século XXI”, manifestou o concelleiro popular.

O edil do PP revelou que os problemas son extensos e van desde a deficiente sinalización desde a estrada N-554, a falta de reposición dos viais de acceso aos importantes núcleos de Figueirido e Vilaboa, asi como as axeitadas conexión coas empresas da contorna e a escasa seguridade para veciños e peóns, posto que o firme destes enlaces quedou en formigón en vez do asfaltado que sería preceptivo.

“O alcalde, ante o interese por esta cuestión que lle formulamos no pleno, presumíu de que os enlaces están formigonados grazas á súa xestión porque estaba previsto que quedaran en terra. E a verdade é que máis debía agocharse pola súa nula capacidade de xestión, porque é unha vergoña para os veciños de Vilaboa o estado que presentan cun formigón cheo de irregularidades que dificultan a circulación e incremento o risco e o perigo”, sinalou o voceiro.

Finalmente, Alberto Acuña esixiulle ao goberno local que lle esixa de inmediato ao Ministerio de Transportes o acondicionamento axeitado destes catro enlaces, o asfaltado dos viais de conexión, a dotación de sinalización completa do termo municipal de Vilaboa, a supervisión e demanda de reparación de todos os danos causados polas obras desta infraestrutura e, sobre todo, a preparación do enlace en dirección sur cara Vigo de entrada na autoestrada AP-9 desde Vilaboa.

Publicacións Relacionadas