HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación aproba achegas por valor de máis de 260.000 euros para...

A Deputación aproba achegas por valor de máis de 260.000 euros para que Ponteareas e Marín realicen melloras en equipamentos deportivos

- Anuncio -spot_img

Ponteareas recibirá preto de 200.000 € para a segunda fase das obras do campo de fútbol San Mateo e Marín 65.000 € para as obras de instalación de climatización para o local situado sobre o recinto do vaso da piscina municipal

Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, co que “continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera”, remarcou o presidente

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de máis de 260.000 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Ponteareas e Marín acometan melloras nos seus equipamentos deportivos. O presidente da institución provincial, Luis López, detallou que Ponteareas recibirá preto de 200.000 euros para a segunda fase das obras do campo de fútbol San Mateo e Marín 65.000 euros para as obras de instalación de climatización para o local situado sobre o recinto do vaso da piscina municipal. “Cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera”, asegurou López.

En concreto, os 197.000 € que recibirá Ponteareas permitiranlle financiar a segunda fase dunhas obras divididas en dúas partes e cun orzamento total de 375.000 euros, despois de que a primeira fase (177.000 €) fora financiada integramente pola Deputación a través do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o +Provincia 2024. O obxectivo é construír un campo de fútbol artificial en substitución do actual, de céspede natural e en mal estado. Nesta segunda fase instalarase o céspede, substituiranse as porterías de fútbol 8 e 11 e equipararase o campo con bancos e bandeiras.

Por outra banda, Marín contará con 65.000 euros para instalar climatización no ximnasio, onde antes se atopaban a cafetería e a terraza, na piscina municipal da Raña. Neste eido, instalarase unha bomba de calor de aire, así como un recuperador de calor e condutos de fibra para a distribución do aire.

Publicacións Relacionadas