Xosé Merelles destaca o potencial da Comunidade galega no sector termal que supón o 20% da oferta de todo o Estado e xera 19.000 empregos
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abriu esta mañá unha xornada de traballo da Área Termal do seu departamento co sector turístico, na que salientou que a Comunidade galega conta con 21 balnearios que supoñen o 20% da oferta termal de todo o Estado ofertando preto de 3.000 prazas vinculadas ao turismo de saúde.
A xornada serviu ademais para presentar ao sector o proxecto impulsado por Turismo de Galicia que leva por titulo ‘Galicia: Spa Pilgrimage in Spain’, “unha proposta de viaxe saudable baseada en dous dos nosos grandes signos de identidade: o Camiño e os balnearios, e orientada ao coidado e benestar do peregrino”, salientou Xosé Merelles.
“Galicia xerou unha infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos”, destacou o director de Turismo de Galicia engadindo que o sector xera uns 15.000 empregos directos e 4.000 indirectos. Ata o mes de setembro de 2024, os establecementos hoteleiros con talaso e/ou balnearios acumularon unha cifra de 117.793 viaxeiros, e 327.397 noites.
Neste sentido e conscientes do potencial da Comunidade galega neste ámbito, Xosé Merelles lembrou que desde Turismo de Galicia se está traballando no deseño e concreción do Plan Termal que será presentado proximamente e adiantou que se están a ultimar as liñas de axudas de 8M€ para a mellora e creación de infraestruturas termais e balnearios de Galicia.
Durante a xornada, tamén se trasladou ao sector as accións de promoción da oferta termal que se fixeron desde Turismo de Galicia especialmente no mercado americano. Así, presentáronse as conclusións da participación de técnicos desde departamento no Congreso Internacional de Saratoga Springs (New York), en outubro pasado, que estivo organizado polo Intenerario Europeo de Cidades Termais Históricas.