O Concello de Ribeira, remitiu unha solicitude formal á Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para abordar dous problemas de seguridade viaria prioritarios que afectan ao municipio como é a iluminación da entrada á autovía AG-11 e outra é a creación dun paso de peóns na AC-305 así como medidas de calmado de tráfico.
O alcalde, Luís Pérez, informou que estanse constando queixas e preocupación pola falta de iluminación nos puntos de entrada da autovía da Barbanza (AG-11) á altura de Ribeira, que permanecen apagados desde hai tempo. Esta deficiencia incrementa o risco de accidentes, especialmente durante as horas nocturnas ou en condicións meteorolóxicas adversas, poñendo en perigo a seguridade dos usuarios e usuarias desa infraestrutura.
En segundo lugar, o Concello solicita a habilitación dun paso de peóns na estrada AC-305, entre os puntos quilométricos 32,2 e 32,3 que é onde está o novo paseo que dá acceso a Coroso e discorre pola parte traseira da Escola Náutico-Pesqueira. Segundo Pérez Barral, este tramo é frecuentado por viandantes pero carece dunha solución segura para cruzar a estrada, representando un risco potencial de atropelos.
Ambas as actuacións son consideradas imprescindibles para garantir a seguridade e o benestar da veciñanza e dos visitantes que transitan por estas infraestruturas. O alcalde subliñou que “estas medidas non só mellorararían a percepción de seguridade de condutores e peóns, senón que contribuirían a garantir unha mobilidade e acceso seguros ás infraestruturas”.
O Concello confía en que a Consellería adopte medidas efectivas para solucionar estas problemáticas, reafirmando o compromiso con unhas infraestruturas máis seguras e accesibles.