O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe no acto de entrega dos XIII Premios Rebulir da Cultura Galega, no marco da 19ª edición do Festival Internacional Rebulir. En concreto, entregou a mención honorífica colectiva a representantes da emigración galega en Cataluña, polo seu esforzo en manter e promover a cultura galega no exterior.
A maiores, resultaron premiados o grupo Treixadura na categoría de ‘Música galega’ polos seus máis de 30 anos de andaina, a actriz Isabel Risco na de ‘Artes escénicas’ pola súa traxectoria con diferentes públicos e rexistros e, por último, a Asociación de gaiteiros galegos na categoría de ‘Homenaxe’ por apostar pola tradición galega como símbolo de identidade colectiva. Cómpre engadir que os Premios Rebulir naceron en 2012 como un recoñecemento a persoas ou colectivos que contribuíron á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións.