- No caso do lobo, o Goberno galego destina 0,9 M€ a compensar os danos producidos por esta especie nas explotacións gandeiras
- Tamén se abre a convocatoria das achegas para subvencionar actuacións que melloren os hábitats cinexéticos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de varias liñas de axudas para paliar os danos que provoca a fauna silvestre para garantir a súa convivencia coas actividades do medio rural, así como para apoiar a ordenación da actividade cinexética.
Deste xeito, o Goberno galego destina 2,02 millóns de euros a axudas para paliar os danos que cause o xabaril en explotacións profesionais ou terras de cultivo agrario para autoconsumo, cun máximo de 2.750 euros por subvención, a mesma contía que este ano.
Poderán optar a estes apoios os titulares de explotacións inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (REAGA) así como as persoas físicas ou xurídicas propietarias de granxas de autoconsumo nas que se constaten danos aos cultivos agrícolas producidos por esta especie.
Os interesados terán un mes para presentar as solicitudes, contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012. Para as afeccións que se comunicaran entre o 11 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo será dun mes contado a partir de mañá, sábado, 21 de decembro.
No caso dos danos causados polo lobo, increméntanse nun 10% os importes das axudas con respecto a 2024. Cun orzamento global de 0,9 millóns de euros (un 50% máis que este ano), as contías oscilarán entre os 41,47 euros a percibir por un exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 2.858,57 euros por unha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade. Estes importes, en todo caso, poderán incrementarse tamén nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable.
Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e por abortos derivados do acto de depredación e prevese un importe adicional, en concepto de lucro cesante, no caso de gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite.
Poderán acollerse a estas axudas propietarios de gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA).
As solicitudes poderán presentarse durante un mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano. No caso daqueles que foran comunicados entre o 1 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo será dun mes contado a partir de mañá, sábado, 21 de decembro.
A maiores, o DOG publica hoxe a convocatoria das axudas para os titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecores) cun orzamento de 270.000 euros. Os interesados terán un mes -contado a partir de mañá, sábado, 21 de decembro- para solicitar estas axudas, que se destinarán a subvencionar actuacións que melloren os hábitats cinexéticos mediante labores de roza e trituración do mato ou fertilización e sementeira de cereal, entre outras (cun límite de 10.000 euros) e a construción de tobeiras artificiais (con axudas de ata 6.000 euros).