A obra supón unha importante mellora na comunicación peonil entre as dúas ribeiras do Miño
O alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, inaugurou esta mañá o ascensor que mellorará a comunicación peonil entre as dúas ribeiras do Miño, na rúa Rosalía de Castro.
A obra, que contou cun orzamento de licitación de 1.827.811,19 €, enmárcase dentro do conxunto de actuacións do Ourense Vertical e súmase ás xa levadas a cabo e en funcionamento da rúa Concordia, A Milagrosa, A Carballeira, Avilés de Taramancos; á actuación de inminente inauguración na rúa Arturo P. Serantes; a próxima a iniciar na avda. de Marín e as que están xa na súa fase final de estudo, como A Rampla de Sas, Vasco Díaz Tanco e Coenga.
Esta actuación ten como principal obxectivo contribuír a mellorar a mobilidade xeral da cidade, e únese a un conxunto de medidas que potencian modos de desprazamento máis sustentables no espazo urbano (transporte colectivo, bicicleta e a pé). Reducen a necesidade de mobilidade co vehículo privado e proporciónanlle á cidadanía alternativas de desprazamento máis sostibles e eficientes que poñen en valor a protección do medio ambiente, impulsan o desenvolvemento económico, favorecen a cohesión social e melloran a calidade de vida da cidadanía ourensá.
Con estes obxectivos execútase esta obra, que consiste en instalar un ascensor con cabina panorámica de traxectoria inclinada, desde a cota inferior das escaleiras na rúa Ribeira de Canedo até a cota da parte superior que une coa rúa do Mercado, salvando unha altura de oito metros.
O horario de funcionamento será de 7.00 h da mañá ás 12.00 h da noite.