O espectáculo de teatro familiar poderá verse ás 17:30 horas nos Pendellos
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 22 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Agolada co espectáculo de teatro “Aldea musical de Nadal”, de Nelson Quinteiro. A función comezará ás 17:30 horas nos Pendellos e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025 cun orzamento de 150.000 euros.
“Aldea musical de Nadal” é unha actividade de teatro familiar e musical con percusión corporal, percusión con elementos pouco convencionais, axóuxeres, campás, campaniñas, campás afinadas e un feixe de instrumentos. Os habitantes da Aldea Musical de Nadal contarán como é a súa vida nun lugar máxico e sorprendente onde sempre é Nadal. O arranxo polifónico das voces, a instrumentación, a súa caracterización e mais o emprego dunha fórmula de creación do espectáculo baseada na musicoterapia educativa leva a escena unha montaxe entrañable e tenra para as datas de Nadal.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.