Trátase do recadado polo colexio na recollida de alimentos de Nadal e dos cartos da ‘XIII Carreira Solidaria’ que organizan cada ano o 30 de Xaneiro
O Alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado das ediles de Educación, Servizos Sociais e Relacións Veciñais, acudiron o venres ao CPI Arquitecto Palacios de Panxón para agradecer persoalmente a achega de alimentos e vales realizada polo centro educativo ao Concello. O colexio recadou nestas datas 242 kg de alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal (cada 3 kg doados o alumnado recibía un libro) e 1.250 € materializados en vales de 25 € para canxear no supermercado. Todo foi entregado aos Servicios Sociais do Concello para distribuír entre as familias vulnerables.
Cada ano, coincidindo co Día da Paz (30 de Xaneiro) centos de alumnos e alumnas de diversos centros educativos de Nigrán participan na ‘Carreira Solidaria’ organizada polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón co fin de recadar fondos e de aí proceden estes 1.250 € en vales da décimoterceira edición. Igualmente, cada ano no Nadal recadan alimentos non perecedoiros.
“Estamos moi agradecidos ao CPI Arquitecto Palacios e moi orgullosos de que nos coles de Nigrán se promovan estas iniciativas que axudan a concienciar á infancia sobre a importancia de ser solidarios e de ter empatía”, destaca o rexedor, Juan González.