A fronte nacionalista afea que o Goberno municipal volva impoñer o “rodete absolutista” no Pleno rexeitando as 152 emendas do Bloque e o conxunto das alegacións de entidades sociais como a FAVEC, Aspace, Sárdoma FC e AV de Teis
Xabier P. Igrexas: “Democracia é moito máis que votar cada catro anos, democracia é escoitar a quen pensa diferente e facilitar a participación colectiva na toma de decisións”
O Bloque Nacionalista Galego vén de opoñerse este luns aos Orzamentos Municipais de 2025 aprobados en solitario por Abel Caballero. A fronte nacionalista afea que o Goberno municipal volva impoñer o “rodete absolutista” no Pleno de Vigo rexeitando as 152 emendas do Bloque e o conxunto das alegacións de entidades veciñais e sociais como a FAVEC, Aspace, Sárdoma FC e AV de Teis.
“O Goberno de Caballero di non a propostas que mellorarían substancialmente os presupostos e permitirían atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses no conxunto dos barrios e parroquias da nosa cidade”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen defendeu as alternativas veciñais a través dun voto particular que foi rexeitado polo PSOE e que contou coa abstención do PP.
Igrexas criticou que o Goberno municipal continúe instalado na “xordeira autoritaria” dicindo non a todas as alternativas formuladas a unhas contas que foron elaboradas un novo exercicio en “réxime de monólogo”. Fronte a esta nova negativa, o voceiro nacionalista lembrou que “democracia é moito máis que votar cada catro anos, é escoitar a quen pensa diferente e facilitar a participación colectiva na toma de decisións”.
Dende o BNG lamentaron a “negativa obstinada” do alcalde a considerar ningunha idea, argumento, proposta “e xa non digamos crítica que non proveña do reflexo deformado do seu monólogo fronte ao espello do narcisismo político”.
Emendas do BNG
En relación ás 152 emendas formuladas polo BNG, Igrexas lamentou que no Pleno de aprobación inicial dos Orzamentos Municipais, celebrado o pasado 14 de novembro, o PSOE rexeitara medidas para converter o Concello nun “grande parapeto social” perante o aumento da pobreza e do empobrecemento na cidade, para despregar unha enérxica política pública de vivenda ou para poñer en marcha o Plan Cidade con investimentos en todos os barrios e parroquias.
Na mesma liña, a fronte nacionalista defendeu alternativas para a mellora dos servizos públicos municipais, como iniciar a remunicipalización do transporte urbano e da xestión da auga. Tamén rexeitou o Goberno municipal destinar máis recursos na axenda feminista, a reverter a desertización cultural na cidade, a avanzar cara un Vigo máis verde e a poñer fin ao “castigo” ao deporte e á mocidade viguesa.
Alegacións veciñais
“E agora o Goberno de Caballero di tamén que non a todas as propostas veciñais”, afeou Igrexas durante a sesión plenaria. Alegacións que propuñan medidas concretas como aumentar os recursos para axudas sociais, mellorar as instalacións deportivas da ETEA, garantir o financiamento necesario para que a nova piscina de Coutadas ou a “mil veces prometida” biblioteca de Teis.
De igual xeito, o Goberno de Caballero vetou iniciativas de entidades sociais en favor da plena integración das persoas con discapacidade, ademais de negarse a rectificar o recorte do convenio co Sárdoma CF que blinde a continuidade deste club de elite do deporte vigués.
“Estas alegacións volven demostrar que é imprescindíbel dotarmos o Concello de Vigo duns orzamentos participativos, como temos proposto o BNG, co obxectivo de que a decisión sobre a que destinar o diñeiro de todas e de todos sexa tomada coa participación de todas e de todos”, defendeu Igrexas.