Veciños e veciñas das parroquias traballan xuntos para crear enxeñosos elementos cos que decorar rúas e prazas nestas datas
O Rosal demostra unha vez máis que o Nadal é moito máis que luces e agasallos. A veciñanza rosaleira continúa cunha tradición que combina sostibilidade, reciclaxe e unión comunitaria, creando decoracións para estas datas que xa enchen de cor e orixinalidade as rúas e prazas do municipio.
Figuras con todo detalle feitas en madeira, bonecos de neve realizados empregando pneumáticos usados, trens armados con caixas, artísticas decoracións con palés, composicións con xente cociñando con olas reais, un belén nun lavadoiro ou pezas rematadas con teas tratadas con todo coidado e detalle son algúns dos exemplos do talento e compromiso que destacan este ano.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que o nadal sostible é un proxecto marabilloso que non só fomenta o coidado do noso medio ambiente e da nosa contorna, senón que une ás persoas e fomenta a colaboración. Estas xuntanzas permiten socializar, traballar en equipo e desfrutar xuntos e xuntas con ilusión da maxia destas datas”.
Un nadal cheo de arte, creatividade e sobre todo moita implicación veciñal no que participaron algúns barrios como Martín, Novás, Pancenteo, O Xestal, Fornelos, As Eiras ou A Fecha, aínda que noutros lugares como O Picón ou San Miguel veciños e veciñas decidiron sumarse a título individual a esta fermosa iniciativa que cada ano gaña máis participantes por todo o concello.
Cada creación reflicte o carácter innovador da comunidade e “sorprende coa súa creatividade e habilidade, converténdose en verdadeiros e verdadeiras artistas. É emocionante ver como aproveitan os materiais máis diversos para darlle unha nova vida e crear obras tan especiais”, subliñou a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez.
Dende o Concello felicítase e agradécese o esforzo de toda a veciñanza que fai posible este Nadal sostible, unha iniciativa que “non só reflicte o carácter asociativo e colaborativo do Rosal, senón que marca o camiño para un futuro máis consciente, respectuoso e sostible”, recalcou a rexedora, que convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a visitar estas creativas obras de arte.