No Nadal do ano pasado Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 319 chamadas por accidentes de tráfico, que xeraron 252 asistencias e a atención a 330 persoas
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias, reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante estes días de festividade.
Ante a previsión dun maior número de desprazamentos, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda aos condutores aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.
Outro dos factores que intervén nun accidente, a ter en conta polos condutores, é a velocidade. Por isto resulta importante que as persoas ao volante se manteñan en condicións óptimas polos problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, no caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.
Por outra banda, no caso dos peóns cómpre lembrar a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.
Balance Nadal 2023-24
Nas festividades do ano pasado, desde as 15,00 horas do domingo 24 de decembro de 2023 ata as 23,59 horas do sábado 6 de xaneiro de 2024, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 319 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 252 asistencias. Nelas, atendéronse 330 persoas. A proporción de homes e mulleres asistidos foi do 58 % e do 42 %, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29,5 % dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou, con 105 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Provincia Accidentes
A Coruña 105
Lugo 28
Ourense 26
Pontevedra 93
Galicia 252
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 292. As ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 32 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en tres ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico prestaron asistencia en 239 sinistros e os médicos de atención primaria que medicalizan os recursos asistenciais de soporte vital básico no caso de ser necesario interviñeron en 18 ocasións.
En 249 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 72 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e nove persoas faleceron no punto.
Como actuar ante un sinistro de tráfico
Ante un accidente de tráfico é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061 e non intervir se non se sabe como.
A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados. Cantos máis datos se lle dean, máis se axudará na súa tarefa.
Cómpre facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios segundo a gravidade do suceso.
Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, cómpre aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente e prender as luces de emerxencia. Deberase poñer roupa rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizarase o accidente antes e despois do lugar no que ocorreu.
Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.