Home A Coruña O Concello súmase á celebración do 75º cabodano de Castelao e prepara...

O Concello súmase á celebración do 75º cabodano de Castelao e prepara múltiples actividades arredor da súa figura durante 2025

- Anuncio -

Hoxe, 7 de xaneiro, fanse os 75 anos da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu exilio de Bos Aires. Médico, pintor, debuxante, escritor, político… Castelao é á vez símbolo e referente dunha Galicia que puido ser e non foi, truncada polo golpe de Estado do 36, onde o seu pensamento segue vivo, aínda que non suficientemente visibilizado.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hai escasos días declarar 2025 como Ano Castelao, dedicándolle a través da Consellaría de Cultura unha programación que, previsiblemente, estará máis enfocada na dimensión creativa do rianxeiro que na súa relevancia como figura clave do Galeguismo, obviando que o Castelao escritor, artista e activista “son un todo indisoluble”, tal e como comenta o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

“Castelao non só foi un artista e escritor, senón tamén un símbolo eterno da loita pola liberdade, a autodeterminación e a dignidade de Galicia. O seu legado político segue vixente e segue inspirándonos na defensa dos dereitos e da cultura galega. Neste momento fai falla reivindicar, quizais máis que nunca, a súa figura e o seu pensamento, posto que todo apunta a que a Xunta fará o posible por ofrecernos durante este ano unha visión parcial, sesgada e intencionadamente descontextualizada na que seguramente se obvien ou se traten moi por enriba partes fundamentais da súa vida e obra, como as motivacións do seu exilio, as denuncias que el fixo dos crimes fascistas ou o seu verdadeiro posicionamento político”, di o rexedor.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño tamén se sumará á celebración do 75º aniversario da morte de Castelao cunha serie de actividades que se programarán ao longo dos próximos meses, “tentando implicar ao tecido asociativo e a comunidade escolar”. Como primeiro acto simbólico, o alcalde asinou esta mañá o seguinte bando:

O domingo 13 de outubro de 1935, Castelao e outros dirixentes nacionalistas cruzan as terras de San Sadurdiño para dar un mitin no campo da feira de Mera de Baixo, en Ortigueira. É o primeiro mitin de Castelao desde o seu regreso no desterro en Badaxoz. A ilusión no nacionalismo galego é enorme. Galiza está escribindo nese momento unha das páxinas máis luminosas da súa historia. A loita pola consecución do Estatuto de Autonomía chega ao cume o 28 de xuño de 1936, data na que o pobo galego aproba en referendo o primeiro estatuto galego da súa historia. Poucas semanas despois Castelao e outras personalidades galegas entregan nas Cortes, para a súa tramitación parlamentaria, o Estatuto recén aprobado en plebiscito. De non se producir o levantamento fascista do 36, toda aquela xeración de xente demócrata, galeguista, lúcida e honesta faría de Galiza, sen dúbida algunha, un país orgulloso da súa identidade, da súa lingua e da súa cultura, próspero e moderno, comprometido coa xustiza social e coa igualdade, unha nación no mundo.

Os fascistas non só asasinaron a milleiros de persoas inocentes, non só cubriron toda Galiza de sangue e de barbarie, senón que nos privaron de ter xa un primeiro goberno galego nos tempos da II República, e ademais presidido por un home da talla política, intelectual e humana de Castelao. Aquel home que estaba destinado a asumir a máxima responsabilidade política das novas institucións galegas e ser o construtor da nación galega desde o Pazo de Raxoi, tivo que vivir os días máis amargos da súa vida e morrer no exilio, non sen exercer en todo momento de principal guieiro do nacionalismo galego, de parlamentario, ministro do Goberno de Giral e Presidente do Consello de Galiza, que viña a ser como un goberno galego no exilio. E tamén, no exilio, en Buenos Aires, publícase en 1944 o Sempre en Galiza, a obra capital do pensamento político de Castelao, onde se reafirma nas súas ideas nacionalistas e na súa defensa dos dereitos que a Galiza lle corresponden como nación. Reler agora ese libro é unha das mellores homenaxes que lle podemos tributar a Castelao.

Tras a ditadura franquista semella que Castelao é de todos. O poeta Celso Emilio Ferreiro xa denunciou no seu momento esa apropiación indebida: “Olla, meu irmáu honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del”.

Desde o Concello de San Sadurniño, a través deste bando, queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse de novo, ou por primeira vez, a Castelao, ao conxunto da súa obra artística, literaria e política. É a única maneira de descubrilo en toda a súa dimensión humana, política e intelectual e de aprendermos a ser cada día máis galegos e máis galegas. O 75 aniversario da súa morte podémolo comezar a conmemorar collendo entre as mans, por exemplo, o Sempre en Galiza. A súa lectura estou seguro que abrirá aínda máis o noso corazón a Galiza e nos dará coraxe para combater calquera manipulación ou apropiación indebida que se faga da súa figura.

Relacionadas

Canzobre releva ao (seu) mestre, Manuel Carballeira, na galería do Concello de San Sadurniño

0
O venres será o último día en que poderemos visitar as dúas exposicións artísticas que ilustraron o Nadal de San Sadurniño. No recibidor Casa...

O partido do Breogán – Leyma Coruña do domingo non se poderá emitir no...

0
O Concello, en coordinación co club, ofreceu de xeito gratuíto as instalacións para que a afición puidera ver o encontro, mais flinalmente o partido...

O albergue de Neda bate no 2024 o seu propio récord de peregrinos hospedados

0
Por segundo ano consecutivo, o albergue de peregrinos de Neda supera a barreira dos 3.000 hóspedes. A suba experimentada polo Camiño Inglés ao longo...

A alcaldesa de Santiago destaca a valía de Belén Hernández para afrontar os retos...

0
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu a presentación de Belén Hernández como nova directora xerente de Mercagalicia, nun acto no que participou tamén...

Román Rodríguez destaca un investimento de máis de 1,6M€ na rehabilitación integral do Colexio CEIP Pedro Barrié...

0
— Enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que eleva a preto de 500M€ o investimento da Xunta en obras ao...

O Goberno municipal presentará os Orzamentos do 2025 antes do fin de xaneiro

0
A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que as contas previstas de cara a este exercicio “terán un contido eminentemente social e estarán deseñadas para afondar...

Publicacións Relacionadas