• O EQUIPO DA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA ESTÁ INMERSO NAS ÚLTIMAS SEMANAS DE COMERCIALIZACIÓN DO CERTAME E NO DESEÑO DO SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES
• A CITA PERFÍLASE COMO REFERENTE EN INNOVACIÓN AGROPECUARIA
A feira Abanca Cimag-GandAgro celebrará do 20 ao 22 de febreiro a súa quinta edición, convertendo de novo ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) en punto de encontro de empresas, colectivos e profesionais do sector agropecuario.
Este certame, que volverá ser único no noroeste peninsular ao aglutinar nunha mesma cita maquinaria agrícola, gandería e agricultura, comezou 2025 reforzando os seus preparativos para ofrecer a agricultores e gandeiros un espazo referente en innovación agropecuaria.
Así, o equipo da entidade feiral está inmerso estes días nas últimas semanas de comercialización dunha área expositiva que contará con gran variedade de produtos e novidades de todos os ámbitos. Entre outros, incluirá sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo, equipamento para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria de recolección e post-recolección, de preparación de chan; de sementeira e abonado; de protección de cultivos e rega, e para explotacións gandeiras, ademais de compoñentes e accesorios. Estarán presentes moitas das firmas máis importantes do ámbito nacional e internacional.
Así mesmo, está a completarse o deseño do programa de actividades desta nova convocatoria, o cal se caracterizará pola diversidade e interese das súas propostas. Os asistentes poderán descubrir novidades e analizar a actualidade a través de xornadas técnicas, demostracións, presentacións e concursos. Entre estes últimos destacarán os morfolóxicos de gando frisón, onde competirán os mellores exemplares desta raza, e tamén o de Innovación e o de Máquinas Destacadas.
Toda a información desta edición está en www.cimag.gandagro.com, onde tamén os profesionais poden rexistrarse para acudir á feira de forma gratuíta.
Un foro de gran relevancia
A pasada Abanca Cimag-GandAgro, que tivo lugar do 2 ao 4 de marzo de 2023, constituíu un importante foro para o sector. Reuniu a 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 eran expositores directos procedentes de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal. Ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados e neta de 11.827 metros cadrados.
En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a preto de 19.000 durante os tres días.