• O segundo premio foi para a tenda “Mi Casa” e o terceiro premio para o comercio “Bamboo”
O Concello de Ponteareas entregou os premios do Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa que persegue a posta en valor do tecido comercial, acadar unha mellor cohesión e dinamizar social e económicamente a vila.
A alcaldesa, Nava Castro, entregou o primeiro premio ao comercio “Oriente 15” ao salientar o xurado a súa orixinalidade e o esforzo dun traballo feito a man . O segundo premio foi para a tenda “Mi Casa” e o terceiro premio para o comercio “Bambo”.
Vinte comercios participaron nesta iniciativa que a concellería de Comercio desenvolveu en colaboración coa asociación de comerciantes Tea e coa asociación de comerciantes BANASTRA. Ricardo González, concelleiro desta área, sinala a importancia de desenvolver accións transversais que beneficien non só a un sector concreto, tamén ao resto da vila. Deste xeito explica que “o Concurso de Escaparates de Nadal ten como obxectivo visibilizar e valorar o pequeno comercio pero tamén persegue acadar unha vila máis atractiva que convide ao paseo e tecer redes de colaboración cos comerciantes facéndoos partes activas das campañas”. Para este fin, salienta o concelleiro, “é indispensable o apoio das dúas asociacións de comerciantes”.
Un xurado profesional formado por Bruno A. Vázquez e Soralla Carrera, licenciados en Belas Artes e profesores de arte, valorou os motivos de Nadal e nacementos; a forma de presentación dos produtos e composición e o cumprimento das regras que a Concellería estimou indispensables como a visibilidade, limpeza e orixinalidade. Os membros do xurado sinalan que no seu percorrido pola vila observaron “comercios con escaparates moi traballados que non se presentaron ao concurso polo que os animamos a facelo”.
O Concello entregou un primeiro premio consistente nun vale “Hotel + Cea + Experiencia Termal” no complexo do Balneario de Mondariz e un 2° e 3° premio: Sesión SPA + Masaxe, tamén no Balneario de Mondariz.
A alcaldesa felicitou a todos establecementos participantes e convidounos a seguir unindo forzas para o avance e mellora da vila “porque con cada pequena acción conseguimos grandes logros e devolvemos a Ponteareas o recoñecemento e importancia que se merece”.