- O certame diríxese ao alumnado de Formación Profesional, de ensinanzas deportivas, de artes plásticas e de deseño da Comunidade
- O Goberno galego destina 12.000 euros en premios a estes galardóns e a posibilidade de que os proxectos se incorporen aos viveiros de empresa en centros educativos e reciban asesoramento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se fan públicos os proxectos premiados no concurso Eduemprende Idea 2024, unha iniciativa coa que se promove a realización de proxectos empresariais no ámbito escolar. En concreto, recibiron distinción dúas propostas do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago de Compostela e outras catro do Instituto de Educación Secundaria (IES) A Guía (Vigo) e dos CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Paseo das Pontes (A Coruña) e Portovello (Ourense).
O certame —dotado cun total de 12.000 euros en premios— está aberto ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos de Formación Profesional, de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e de deseño da Comunidade.
Os galardóns artéllanse en dúas categorías: unha primeira destinada aos ciclos de grao superior e unha segunda para ciclos de grao medio, con recoñecemento para os tres mellores proxectos de cada modalidade.
Proxectos premiados
No caso da primeira categoría, a gañadora foi a iniciativa Maia, de dous alumnos do CIFP Politécnico de Santiago aos que lles corresponden 3.000 euros pola súa proposta de produción de mobiliario artesanal a partir de madeira galega. O segundo premio —dotado con 2.000 euros— recaeu en Amphora, dun alumno e unha alumna do IES A Guía de Vigo, centrado en transformar o sector loxístico cara a prácticas máis sustentables a través da redución do emprego de plásticos dun só uso coa introdución de novas fundas reutilizables para agrupar e transportar de xeito seguro as mercadorías. Por último, o terceiro premio —1.000 euros— outorgouse a Seacaps, dun grupo de catro alumnos e alumnas do vilagarcián CIFP Fontecarmoa, relacionada cun fertilizante concentrado en cápsulas a base de algas mariñas e cunchas de moluscos producidos na ría de Arousa.
Canto á segunda categoría, recibiu 3.000 euros por acadar o primeiro premio Junega, dun alumno e dúas alumnas do coruñés CIFP Paseo das Pontes, consistente nun proxecto artesanal do sector téxtil de creación e transformación de pezas mediante a técnica do patchwork. O segundo premio —de 2.000 euros— foi para Floutin city, de dous alumnos do ourensán CIFP Portovello, iniciativa de mobilidade sostible para a cidade de Ourense baseada no aluguer de patinetes eléctricos. Canto ao terceiro premio —de 1.000 euros— deuse a Road washer, de dous alumnos do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, que aposta polo lavado a man de vehículos a domicilio.
Cómpre engadir que os proxectos vencedores poderán incorporarse a viveiros de empresa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e recibir o asesoramento técnico da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que ten 15 centros activos no territorio galego.
A Xunta convoca desde 2010 estes galardóns co obxectivo de promover a implantación na comunidade educativa dunha verdadeira cultura emprendedora, que permita a posta en marcha de proxectos viables e para a creación de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e aproveitar o talento en Galicia.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250107/AnuncioG0767-271224-0005_gl.html