O certame literario organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros chega a súa undécima edición. Establécense 6 categorías desde nenos e nenas en idade escolar até maiores de 18 anos.
O Premio Literario Descubrindo Oleiros é un certame literario que procura a promoción da lingua galega ademais de dar a coñecer espazos do noso municipio, costumes e historia.
Establécense 6 categorías, podendo concorrer a este premio todos os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de ESO, mozas e mozos de 16 e 17 anos e persoas maiores de 18 anos empadroados/as ou escolarizados/as en Oleiros e sempre que os relatos presentados se axusten ao especificado nas bases.
O prazo de presentación dos textos será ata o próximo 15 de febreiro de 2025. No caso do alumnado a través dos centros de ensino ou no Rexistro da Fábrica, e no caso das persoas adultas, só a través do rexistro indicado.
Os relatos estarán ambientados necesariamente en Oleiros e escritos en lingua galega. Deben ser inéditos e que non fosen premiados en ningún outro concurso e non estean pendentes de fallo noutros premios. Os traballos presentaranse nun sobre grande co título do relato e a categoría á que se presenta; no interior, ademais do texto, incluirase dentro un sobre pequeno pechado, que só teña escrito o título da obra no reverso. O sobre pequeno conterá no seu interior: o formulario de inscrición que se establece e a fotocopia do documento acreditativo de identidade (fotocopia do DNI, pasaporte ou documento de identidade equivalente no caso de telo) e no caso de participantes menores de idade, tamén se deberá engadir a fotocopia do documento acreditativo de identidade da nai, pai ou titor/a legal e do Libro de familia.
Outorgarase un premio por cada categoría e os eventuais accésits que se poidan conceder, ata un máximo de dous. Os premios que se concedan serán bonos de 200 euros para comprar en comercios seleccionados de Oleiros que fomenten a lectura, a creatividade e a cultura galega.