A iniciativa centrouse en animar á mocidade a reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións.
O alumnado de primeiro de bacharelato do IES Agra de Leborís asistiu á xornada formativa sobre agresións sexuais e violencia sexual que impartiu María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade.
A actividade, desenvolvida no día de onte en horario lectivo na Casa da Cultura, centrouse en animar á mocidade a reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións coa fin de identificar as tipoloxías de violencias sexuais, evitar as agresións e incidir nunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía. En definitiva, pretendeu que o alumnado adquirise coñecementos que lles permitan identificar sinais de alarma para evitar ser vítimas ou vitimarios de agresións sexuais.
A iniciativa foi organizada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, dentro do acordo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e no marco da Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero, da que forma parte o Concello da Laracha. Esta Rede procura o rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real contra a mesma, fomentando ao tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.