- José González pon en valor a aposta estratéxica do Goberno galego por fortalecer e impulsar a economía social como un motor de crecemento sustentable, ao que destinan máis de 90 M€ no período bianual 2024-2025
- O pasado ano sumáronse ao sector preto de 600 novas persoas socias promotoras e máis de 3.000 persoas participaron nas diferentes xornadas formativas e actividades desenvolvidas no marco da Estratexia galega de economía social
- En 2025, ademais de consolidar os apoios chave para o sector, prevese mellorar a orde dos centros especiais de emprego para atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, un eido ao que xa se destinaron 126 M€ nos últimos seis anos
- Ademais, avanzarase nas sinerxías coa Rede de polos e na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual e ao futuro da Comunidade, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor hoxe a aposta estratéxica do Goberno galego por fortalecer e impulsar a economía social como un motor de crecemento sustentable que xera emprego de calidade e favorece a fixación de poboación ao rural, reforzando ademais o tecido emprendedor. Fíxoo no marco da xornada de balance 2024 da Estratexia galega de economía social, un evento no que tamén se abordaron os principais retos e desafíos de futuro da man das principais entidades do sector, como Cegasal, Agaca, EspazooCoop, Aeiga, Aesgal e Foroesgal.
O titular de Emprego destacou a importancia desta planificación impulsada pola Xunta con horizonte en 2027 e a través da que o Goberno galego —cun orzamento global de máis de 181 millóns de euros— aspira a crear 4.000 empregos e 400 novas entidades, posicionando esta fórmula de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Neste marco, puxo en valor que na actualidade Galicia xa conta con máis de 3.500 entidades —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas inserción—, 230 delas nacidas no último ano, que implicaron a preto de 600 novas persoas socias promotoras, a metade mulleres. Ademais, sinalou que en 2024 a economía social xerou 800 novos empregos.
Neste marco, destacou a contribución a estes resultados das diferentes medidas encadradas na Estratexia. Así, fixo fincapé nas liñas de apoio específicas para incrementar a competitividade das diferentes entidades —como as ordes Aprol Economía Social ou ou Bono consolida—, as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector, o continuo impulso de actividades formativas e de divulgación —nas que en 2024 participaron máis de 3.000 persoas— ou a rede Eusumo, unha iniciativa con máis dun cento de entidades adheridas e que actúa como xanela única para facilitar información, asesoramento e acceso a axudas europeas, estatais e autonómicas.
Folla de ruta 2025
O titular de Emprego avanzou que para seguir nesta senda de crecemento, este ano a Xunta orzamenta á economía social un 2,8% máis que o ano pasado, acadando un investimento bianual entre 2024 e 2025 de máis de 90 millóns de euros. Entre os vindeiros retos, sinalou, sitúase o de seguir impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega, en liña co lema do Ano Internacional das Cooperativas, “As cooperativas constrúen un mundo mellor”. Tamén na folla de ruta deste ano está mellorar a orde de apoios aos centros especiais de emprego —un eido ao que a Xunta leva destinados máis de 126 millóns de euros nos últimos seis anos— co obxectivo de atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.
Ademais, sinalou que se avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas. Farase da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano.
Sinerxías coa Rede de polos
Na súa intervención, José González tamén puxo énfase no papel que xoga a economía social no marco da estratexia global de emprendemento que ten en marcha a Xunta e na que se está facendo un esforzo inxente por impulsar o emprendemento ligado ao territorio e que repercute no territorio. A este respecto, lembrou o rol histórico das cooperativas no desenvolvemento de proxectos baseados en recursos locais, como a agricultura ou a produción artesanal, agregando valor aos bens e servizos do territorio.