As entidades de persoas maiores que estean interesadas nestas actividades formativas teñen ata o próximo luns 20 de xaneiro para facelo
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo luns 20 de xaneiro o prazo para que as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores da provincia poidan solicitar algunha das 130 accións formativas que se realizarán no marco do programa Provincia Activa durante este ano 2025. Cun orzamento de 146.000 euros, esta iniciativa está destinada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros de 30 horas de duración, repartidas en sesións de entre unha e tres horas á semana.
O programa, que ten por obxectivo favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como impulsar a independencia das persoas maiores para evitar o seu illamento e as situacións de soidade non desexadas, suporá a participación de arredor de 3.000 persoas nos 130 obradoiros previstos, cun máximo de 25 prazas por actividade. Poden solicitalos entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra, e están abertos a persoas a partir dos 50 anos. Cada entidade pode solicitar un obradoiro entre os ofertados.
O catálogo de cursos de Provincia Activa está dividido en cinco áreas temáticas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais. En concreto, a Deputación oferta cursos de pilates, ioga, ximnasia de mantemento, conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, terapia emocional, teatro, plantas medicinais, restauración de mobles, bailes de salón, pandeireta, canto popular, habilidades dixitais e informática.