Home Pontevedra Baixo Miño O alcalde de Tui e o presidente da RAG abordaron a conmemoración...

O alcalde de Tui e o presidente da RAG abordaron a conmemoración do centenario do tudense Manuel Lago González

- Anuncio -
A Real Academia Galega celebrará en Tui un acto en lembranza do que foi un dos fundadores desta institución

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, mantivo unha xuntanza este luns, 13 de xaneiro, co presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e co vicesecretario da Academia, Xosé Henrique Monteagudo Romero na sede desta institución na Coruña. O tema deste encontro, solicitado dende o Concello de Tui, foi a celebración, o vindeiro 18 de marzo, do centenario do falecemento do egrexio tudense Manuel Lago González, que ocupaba daquela a sede arcebispal de Santiago de Compostela.

No decurso do encontro a Real Academia Galega comunicoulle ao rexedor tudense que está previsto organizar un acto na nosa cidade en lembranza de Manuel Lago González, que foi un dos fundadores da Academia, e salientou o seu compromiso a prol da lingua galega, tanto dende os seus labores eclesiásticos como na produción poética.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa o seu agradecemento á Real Academia Galega pola favorable acollida á proposta do concello tudense e que afonda nunha colaboración entre ambas institucións que xa vén de hai anos. Con este acto, que se celebrará no vindeiro mes de marzo, preténdese lembrar a figura e traxectoria de Lago González así como a súa obra literaria e xornalística, pero singularmente a súa achega á nosa lingua e literatura, que Manuel Lago cultivou con especial atención. As actividades en lembranza de Manuel Lago chegarán tamén a Santiago en colaboración co arcebispado compostelán.

Manuel Lago González

Manuel Lago naceu en Tui o 25 de outubro de 1865. Alí estudou a carreira eclesiástica, realizando trece cursos en dez anos coas mellores cualificacións e premios. Comezou a escribir aos catorce anos e, só dous máis tarde, recibiu xa as súas primeiras distincións académicas. En 1887 desempeñou a cátedra de Grego e Hebreo no Seminario de Tui, onde un ano despois recibiu as Ordes Maiores.

Na súa cidade natal contribuíu a crear o diario La Integridad (1888) e participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso “Gabanza da lingua galega”. En 1896 trasladouse a Lugo para desempeñar a cátedra de Teoloxía do seminario e gañou por oposición unha praza de cóengo na catedral desa cidade. Posteriormente accedeu á dignidade episcopal. Xa en 1906 ingresou na Real Academia Galega co discurso Elogio de la lengua gallega. Foi nomeado bispo de Burgo de Osma en 1909. De alí pasou a Tui, e en 1923 marchou como arcebispo a Compostela, cidade onde faleceu o 18 de marzo de 1925.

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas. Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.

No ano 1973 a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas.

Tomado de: https://academia.gal/institucion/academicos/pleno

Relacionadas

A Deputación leva a oficina móbil do programa +Renovables a Crecente e As Neves...

0
O deputado provincial Javier Tourís visitou os concellos coa oficina móbil, que percorrerá todos os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia para...

O BNG de Vigo demanda que Caballero rectifique o “atropelo” de desaloxar a...

0
A fronte nacionalista anuncia un recurso de reposición contra a decisión do Goberno local por desviación de poder ao expulsar á Federación Veciñal do...

O BNG lamenta a incapacidade de Telmo Martín de licitar debidamente o novo contrato...

0
O Concello deberá aprobar unha continuidade da actual concesionaria (Ascan), a pesar de que o contrato expira o próximo día 22, logo de que o Xulgado...

O PP esixe retomar o control poboacional de gaivotas e pombas na cidade de...

0
• O partido máis votado amoesta ao BNG por non formalizar o contrato durante o 2024 con ningunha empresa, “causando un prexuízo á hostalería...

O Concello de Tui e ACOUGO dan o primeiro paso de cara a sinatura...

0
O obxectivo será visibilizar o traballo da Asociación Galega de Familias de Acollida e apoiar as familias que desexen ser acolledoras O Concello de Tui...

Dan comezo as obra de mellora da estrada provincial EP-2204 (Sabarís-Belesar)

0
A execución da obra consiste na modificación de 150 m en torno ao momento quilométrico 1+900, en cada marxe da vía en torno da...

Publicacións Relacionadas