As estancias programadas este 17 e 18 de xaneiro levarán a familias de 18 concellos ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo, ao Hotel Bienestar Moaña e ao Hotel Bahía de Baiona
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana novas saídas do programa Lecer en familia, que levarán a máis de 100 persoas da provincia a tres establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.
Deste xeito, 60 persoas dos concellos de Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Forcarei, Lalín, Mos, Poio, Pontevedra, O Porriño, Tomiño, Valga e Vigo gozarán dunha estancia no Gran Talaso Hotel Sanxenxo; 15 persoas de Ponte Caldelas, Portas, Vigo e Vilanova de Arousa pasarana no Hotel Bienestar Moaña; e outras 28 persoas de Caldas de Reis, Meaño, Ponteareas, Pontevedra, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa desfrutarán da fin de semana no Hotel Bahía de Baiona.
En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán entre xaneiro e marzo a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida as familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías realizaranse en temporada baixa, con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.