O deputado provincial Roberto Carrero presentou a actividade, enmarcada na alianza entre a institución e unha das deportistas con máis renome internacional da provincia de Pontevedra co obxectivo de levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo
A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores, 15 de xaneiro, no novo espazo sociocultural da rúa José Cela de Tui, a última dos conferencias do ciclo Unha vida olímpica, na que Teresa Portela, unha das deportistas de máis renome internacional da provincia, compartiu cun auditorio ateigado de público os valores deportivos máis importantes da súa carreira. A actividade, que foi presentada polo deputado Roberto Carrero, puxo así o broche de ouro a esta alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo.
Roberto Carrero destacou a importancia da piragüista, “unha muller que leva unha vida olímpica, pero non só pola súa traxectoria deportiva, senón porque nos transmite a todos os valores do deporte e do olimpismo: o espírito de superación, o tráballo diario e a resiliencia”. Unha carreira deportiva, a de Teresa Portela, na que destaca a súa prata olímpica en Tokio, pero tamén as 17 en campionatos mundiais e as outras 17 en europeos: “É, sen dúbida, a mellor embaixadora que podían ter Aldán, Cangas, as Rías Baixas e o conxunto da provincia de Pontevedra”. Ademais, o deputado provincial recordou que esta alianza entre a deportista e a Deputación xurdiu “porque queremos levar o nome da nosa terra por todo o mundo a través dela, porque representa á perfección a nosa identidade, os nosos valores e a nosa capacidade de afrontarnos a todo o que se nos poña por diante”.
Unha vida olímpica chegou hoxe ao seu fin en Tui, despois de celebrarse na vila natal de Portela, Cangas do Morrazo, así como en Vigo e Pontevedra. Nas conferencias, a olímpica afondou na importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade, ademais de dar a coñecer a súa traxectoria deportiva e de explicar como eses valores deportivos e mais a pegada da provincia de Pontevedra influíron no seu éxito.