• O conselleiro de Presidencia entregou ás traídas de augas as placas identificatorias das axudas
• No salón de plenos presentou as novas axudas para traídas e para asociacións veciñais
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, presentou hoxe no salón de plenos do Concello de Ponteareas as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, que se convocan dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Acompañado da alcaldesa, Nava Castro, do tenente de alcalde, Juan Carlos González e da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, ademais do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, adiantou ás e aos representantes das comunidades de usuarios de augas e das asociacións veciñais os conceptos que subvencionará a nova convocatoria.
Ademais, fixeron entrega das placas das axudas concedidas a nove traídas de augas de Ponteareas que acadaron un total de 107.959€ que posibilitaron obras diversas como as realizadas nos vasos de depósitos, renovación de liñas de abastecemento, melloras nas infraestruturas e equipamentos e traballos de mantemento.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, animou hoxe ás entidades veciñais do concello de Ponteareas a presentar as súas solicitudes á orde de axudas do Plan específico comunitaria destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
As entidades que desexen optar á orde deste ano, como lles explicou o conselleiro, deberán presentar as súas solicitudes de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá.
As asociacións deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas. Todas elas deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais.
A alcaldesa de Ponteareas salientou os importantes apoios que o Concello de Ponteareas ten recibido en materia de Política Social, Emprego ou apoios para a revitalización da zona vella a través da declaración da Área de Recuperación Integral (ARI).
Pola súa banda o tenente de alcaldesa quixo recoñecer o “importante traballo que realizan ás máis de 60 traídas de augas de Ponteareas e as 27 asociacións veciñais”.