— Ángeles Vázquez explica que 2024 se caracterizou por ser un período extremadamente cálido e húmido
— A temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos e a precipitación media foi de 1.469 litros por metro cadrado, o que representa un 14% máis do habitual
Galicia rexistrou en 2024 o terceiro ano máis cálido das últimas seis décadas, segundo os datos do informe climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia e que hoxe foi presentado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
Segundo os datos recollidos nas estacións de temperatura e precipitacións distribuídas por toda Galicia, 2024 caracterizouse por ser un período “extremadamente cálido e húmido”, tal e como subliñou Ángeles Vázquez.
Nesa liña, a temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos, un valor que, segundo explicou a conselleira, se considera como extremadamente cálido e que converte a 2024 no terceiro ano máis cálido desde 1961 despois de 2022 e 2023, que tiveron uns datos moi similares con apenas unhas décimas de diferente con respecto ao pasado ano.
Máis polo miúdo, as temperaturas mínimas rexistraron uns valores medios 1,4 graos superiores ao habitual e as máximas estiveron 8 décimas por riba do agardado. Nesa liña, dos 12 meses do ano, 7 foron moi cálidos ou cálidos destacando os casos de novembro, que foi o máis cálido desde 1961, e agosto, que ocupa a quinta posición desde ese ano de referencia. Por outra banda, xaneiro foi extremadamente cálido; xuño, normal; setembro, moi frío, e marzo e maio consideráronse fríos.
No que atinxe á chuvias, Ángeles Vázquez indicou que “a precipitación media en Galicia foi de 1.469 litros por metro cadrado”, o que representa un 14% máis do habitual, polo que 2024 se considera un ano húmido. En concreto, o pasado ano 5 meses foron moi húmidos -febreiro, marzo, maio, setembro e outubro-, xuño foi húmido. Pola contra, novembro foi seco mentres que agosto e decembro considéranse moi secos. Os meses restantes -xaneiro, abril e xullo- foron normais en canto ás precipitacións.
A maiores, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e do coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, reiterou a solicitude ao Goberno central das transferencias das competencias en materia de meteoroloxía e engadiu que nos vindeiros meses se avanzará lexislativamente nesta cuestión. O obxectivo é que as competencias en meteoroloxía se presten de forma racional e sen duplicidades para ofrecer o mellor servizo á cidadanía.