Davinia Lojo reclama ao Concello de Marín actuacións inmediatas en Macenlle-A Moreira e Arealonga para garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade da veciñanza.
No Pleno Municipal do pasado 9 de xaneiro, a concelleira do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Davinia Lojo, reclamou ao goberno municipal actuacións inmediatas para mellorar dúas estradas municipais que presentan un estado de abandono e que supoñen un risco para a seguridade viaria.
Estas deficiencias son especialmente preocupantes en dúas vías concretas que a veciñanza leva tempo reclamando mellorar. Por unha banda, a estrada que conecta Macenlle coa Moreira, na parroquia de San Xulián, presenta fochancas significativas dificultando a estabilidade dos vehículos que circulan por ela. Por outra banda, o camiño municipal de Arealonga, na parroquia de Cantodarea, atópase en pésimas condicións, con fochancas especialmente notorios á altura do Cruceiro o que agrava os problemas de mobilidade e supón un risco constante para condutores e peóns.
Davinia Lojo subliñou a importancia de atender con celeridade estas deficiencias, xa que afectan directamente á seguridade e ao benestar dos residentes nas zonas afectadas. “É urxente que o Concello de Marín tome medidas para garantir que as estradas que conectan as parroquias estean en condicións óptimas e seguras”, declarou a edil.
O BNG esixe ao goberno municipal que implemente as medidas de seguridade necesarias para mellorar as infraestruturas viarias do municipio. A formación nacionalista insiste na necesidade dun compromiso real co mantemento das estradas locais, clave para evitar accidentes e facilitar os desprazamentos diarios da cidadanía.