O renovado convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asegura a continuidade do programa ata 2028.
O Concello de Miño renovou o seu convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asegurando a continuidade do programa de menús a domicilio ata 2028. Esta iniciativa, que xa está en funcionamento desde este martes, 14 de xaneiro, permitirá ampliar o número de persoas beneficiarias, pasando das 10 actuais a 15, consolidando así o compromiso do municipio co benestar das persoas maiores e dependentes.
Este servizo facilita que quen non poden valerse por si mesmos para cubrir necesidades básicas relacionadas coa alimentación poidan permanecer nos seus fogares, mantendo unha independencia aceptable e unha calidade de vida adecuada. Os menús que se entregan son equilibrados, variados e adaptados tanto ás necesidades de saúde dos usuarios como ás súas preferencias e hábitos alimenticios, incluíndo elementos propios da gastronomía local e estacional. Cada menú consta dun primeiro prato, un segundo prato e sobremesa, que se distribúen nunha única entrega semanal, con sete bandexas para toda a semana.
O custo diario do servizo para as persoas usuarias será de 1,93 euros, mentres que o Concello e o Consorcio seguirán cofinanciando o resto, cunha achega conxunta que garante a sustentabilidade do programa. Esta ampliación non só incrementa o número de beneficiarios, senón que reforza o compromiso do Concello de Miño co coidado e atención das persoas maiores e dependentes, asegurando que poidan seguir vivindo de forma autónoma nos seus fogares co apoio necesario.