O ano 2024 pechou preto de duplicar o número de permisos concedidos para a construción de nova vivenda en Mos e quintuplicáronse os de acondicionamento de vivendas.
Como cada ano no mes de xaneiro a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, fan balance das licenzas tramitadas e concedidas polo departamento municipal durante o ano anterior.
Así o fixeron hoxe Arévalo e José Ramilo, que informaron da continuidade da progresión ascendente do número de total de asuntos de Xunta de Goberno Local de Urbanismo e Medio Ambiente que foron un total de 666 os tramitados en 2024.
Rexedora local e edil de Urbanismo destacaron a este respecto que o crecemento máis significativo no que a licenzas urbanísticas se refire, produciuse nas de obra maior, pasando de 144 en 2023 a 156 en 2024. E entre as licenzas de obra maior destacan a construción de vivenda, que pasou de 23 en 2023 a 41 en 2024, e a reforma de vivenda, que pasou de 1 licenza en 2023 a 5 en 2024.
En obra maior tamén creceron as licenzas para nave industrial, muro de contención (16 en 2023 e 21 en 2024), e piscina (10 en 2023 e 15 en 2024).
No que respecta ás comunicacións previas de obra menor, o crecemento maior de licenzas prodúcese en actuacións relativas a vivendas. Aumentan as licenzas para muro de peche (25 en 2023 e 29 en 2024), galpón (6 en 2023 e 10 en 2024), e canalización de gas (11 en 2023 e 21 en 2024). Tamén suben os permisos concedidos para vados, pasando de 8 en 2023 a 10 en 2024.
Por último, no apartado de outros expedientes tramitados, tamén se rexistra incremento, pasando de 224 expedientes en 2023 a 234 expedientes en 2024, especialmente en disciplina urbanística.
Queda pois demostrado con estes datos que Mos é un municipio que a xente elixe para vivir, con calidade de vida, e no que a veciñanza decide consolidar a súa residencia.
Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva.
A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares elixen para residir e asentarse. Nidia Arévalo considera “moi positivo este balance que está a ser posible ano tras ano grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, e que fai a Mos un Concello ideal para vivir. A existencia e implantación dun PXOM anima aos particulares a establecer ou consolidar a súa residencia en Mos; e a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir”, explica.