A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe no acto de presentación dos equipos do Celta Baloncesto Feminino para a temporada 2024-2025. Durante o evento Sánchez felicitou ao club polos “éxitos colleitados ata o momento e todos os que estou segura virán e quedarán para sempre na historia do club”, así como polos seus 15 anos na elite do baloncesto.
Luisa Sánchez lembrou que a Deputación, que no 2024 destinou ao club unha achega de 60.000 euros, está “redobrando os esforzos para que o deporte da provincia reciba cada vez máis apoios, ampliando as nosas liñas de axudas, creando novas iniciativas e posibilitando que os nosos concellos teñan instalacións de primeiro nivel”. Un obxectivo que “non sería nada sen os grandes logros de clubs como o Celta Baloncesto Feminino, e por iso estamos e estaremos ao voso carón, apoiándovos e animándovos para que vos poidades manter no máis alto”.