O goberno provincial vén de aprobar na sesión desta semana un total 449.536 euros en diversas achegas para entidades deportivas e colectivos profesionais como a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, que percibirá 40.000 euros
No que atinxe á cooperación municipal, destínanse 198.536 euros a axudas para concellos á mellora de infraestruturas e servizos
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa sesión ordinaria semanal, vén de aprobar un total de 449.536 euros en axudas para diversas entidades e colectivos profesionais como a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, que percibirá 40.000 euros para gastos de funcionamento.
En materia de cooperación municipal, destínanse 198.536 euros a concellos da provincia para diversas obras e servizos, como gastos de persoal e mantemento dun punto de atención infantil; para un programa municipal de conciliación; para mellorar pasos de peóns; para mellora de infraestruturas; para honorarios técnicos de melloras de infraestruturas; e para melloras en estradas municipais.
No que atinxe ás axudas deportivas, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras para as axudas das Copas Deputación 2025, dotadas con 90.000 euros.
Obxecto das achegas
O obxecto destas bases é a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións destinadas a desenvolver, prioritariamente, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas que baixo a denominación de Copas Deputación se desenvolvan integramente na provincia de Ourense durante a actual temporada deportiva 2024-2025. A estes efectos, advírtese que a competición deportiva denominada “Copa Deputación”, para ser subvencionable ao abeiro das presentes bases, debe celebrarse como competición (federada ou non federada) exclusiva, non podendo desenvolverse de xeito simultáneo con outras competicións, torneos ou eventos, e debendo figurar exclusivamente, ademais, a referencia “Copa Deputación” na súa denominación. Tendo en conta que cada disciplina deportiva pode estar dividida en varias modalidades deportivas, unicamente serán subvencionables un máximo de dúas Copas Deputación nas diferentes modalidades deportivas en que se divide unha disciplina deportiva.
Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense, sendo esta última a que, neste caso, presente a solicitude. En todo caso soamente se admitirá unha solicitude por cada Copa Deputación.
Tamén en materia deportiva, aprobouse unha achega a favor da Federación Española de Baloncesto por un importe de 121.000 euros.