Esta décima edición celebrarase do 13 de febreiro ao 9 de marzo
Os establecementos de hostalería que desexen participar poden anotarse ata este venres 24
A Coruña celebrará este ano a décima edición das Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos – ‘Lacónicas’. O evento gastronómico de referencia na cidade desenvolverase do 13 de febreiro ao 9 de marzo e os establecementos de hostalería que desexen participar poderán inscribirse ata ás 14:00 horas deste venres 24. “O Goberno de Inés Rey aposta un ano máis polo turismo gastronómico a través desta iniciativa que busca reivindicar un dos xantares máis populares de Galicia da man da
hostalería coruñesa”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Todos os locais deberán participar baixo o modelo de ‘Menú Lacónicas, Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos’ e elaborar un menú tradicional baseado na proposta gastronómica popular da laconada. Cada un dos establecementos terá que ofrecer un único menú elaborado, principalmente, con produtos galegos de quilómetro 0.
Todos os menús deberán estar compostos por un primeiro (sopa ou similar), un prato principal (laconada) e unha sobremesa clásica (filloas e/ou orellas) ademais de incluír bebida (auga/refrescos/cervexa/adega de denominación de orixe galega) e café (opcional). O prezo da proposta terá oscilar entre os 20 e os 40 euros por persoa.
A participación nestas xornadas é gratuíta. Quen desexe participar deberá solicitar un formulario online a través do correo electrónico xornadaslaconicas@gmail.com. As bases poden consultarse nesta ligazón.