A alcaldesa fixo entrega ás persoas e entidades agraciadas dunha medalla por “pertencer ao mellor da coruñesía”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde a segunda cerimonia de entrega das Medallas de María Pita, que promove a Real Orde de Cabaleiros de María Pita. A rexedora estivo acompañada polo mestre da Real Orde, José Enrique Duarte. Esta edición, os galardóns recaeron no ámbito social sobre José Pernas, presidente de Renacer, no ámbito cultural sobre Ricardo Pardo Gato, presidente da Asociación de Historia e Cultura Militar do Noroeste, no ámbito da ciencia sobre Diego Gonzalez Rivas, médico, e no ámbito deportivo sobre o Real Club Deportivo.
“Hai que celebrar a aposta desta Real Orde por seguir creando novidosas formas de recoñecer o traballo a prol da Coruña, así como a difusión dos nosos valores históricos”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. As persoas e entidades galardoadas recibiron unha medalla cun deseño do escultor José Castiñeiras, cuxo fillo estivo presente no acto. “As tres persoas e a institución ás que esta tarde rendemos homenaxe pertencen ao mellor da coruñesía, en campos tan diversos como o da solidariedade, a historia, a saúde ou o deporte. En todos eles somos unha cidade líder, grazas en boa medida ao seu labor”, dixo Inés Rey.