A obra, que actúa sobre un cruce perigoso, forma parte dun proxecto global de mellora da seguridade viaria na rede de estradas do municipio
O goberno local avanza no seu proxecto de actualización e mellora da extensa rede viaria municipal coa adxudicación dunha obra de mellora da seguridade viaria e drenaxe no lugar de Nores, en San Adrián de Cobres. O importe da actuación supera os 186.308 euros e ten un prazo de execución de seis meses.
Trátase dun vial cun firme deteriorado que facilita a acumulación de auga no inverno dificultando a seguridade na conducción. Ao igual que xa se fixo noutros viais municipais en Cobres, neste entorno procederase á mellora na recollida e na drenaxe de augas pluviais, á repavimentación mediante mistura bituminosa en quente, así como a execución de medidas encamiñadas a incrementar a seguridade viaria. Entre elas cabe destacar a dotación dunha nova senda peonil en formigón e a pavimentación en lastro de granito nun cruce perigoso no que ademáis hai un cruceiro. O adoquinado deste entorno permite tamén a posta en valor do patrimonio local. A actuación complétase coa sinalización horizontal con marcaxe de liñas laterais e símbolos e sinalización vertical, así como a incorporación de lombos de calmado do tráfico.
Os traballos previstos inclúen a escavación de zanxas para a colocación de canaletas transversais con reixas de fundición; a apertura e formación dunha base granular de sobreanchos ata os peches existentes; a limpeza mecánica do vial e a súa repavimentación en quente así como a dotación dunha senda peonil en formigón ocre, cun murete de pedra para contención de terras e varanda de protección, que verá reforzada a seguridade para os peóns coa sinalización vertical e horizontal pertinente.
Este novo investimento súmase aos xa realizados polo goberno local no pasado exercicio para mellorar a calidade e a seguridade de viais e pequenos ramais tanto en San Adrián como en Santa Cristina de Cobres, dotándoos de canalización de augas pluviais para garantir unha maior durabilidade do firme. Este proxecto global de actualización da rede viaria extenderase ao longo do ano polas diferentes parroquias coa licitación de novas obras. “Sabemos que son moitas as estradas que necesitan melloras e pouco a pouco iranse atendendo todas as necesidades. A extensión de Vilaboa en rede viaria é tan ampla que resulta imposible renovala íntegramente nunha lexislatura”, apunta César Poza.