Para defender a veciñanza de Montrove ante as afeccións da “pegada sonora” do aeroporto de Alvedro que pretende impoñer AENA, o Concello realizou un estudo técnico para medir o ruído en 9 puntos distintos entre os días 3 e 31 do pasado mes de decembro. Os resultados indican que as curvas isófonas proporcionadas por AENA na modelización acústica presentan un valor máis elevado do que se mediu in situ cos sensores acústicos.
O Concello presentara alegacións ao Real decreto no que o Ministerio de Transportes aprobaba as servidumes aeronáuticas acústicas, o mapa de ruído e o plan de acción do aeroporto de Alvedro, segundo o que quedaban afectadas 53 hectáreas de Montrove e O Seixal. Ante a falta de contestación ás alegacións, o Concello elevou o asunto ao Tribunal Supremo ao que os servizos xurídicos municipais remitirán este informe técnico para que se modifique a afección da pegada sonora.
“Con este estudo acabamos de demostrar que o que di AENA non se axusta á realidade, que os valores que utiliza están sobredimensionados e, por tanto, a zona de protección debe ser menor”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.