O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou hoxe a aposta da Xunta a prol do emprego inclusivo e da integración laboral das persoas con discapacidade no sistema produtivo. Nesta liña, puxo de relevo o apoio do Goberno galego ao labor dos centros especiais de emprego, un eido ao que leva destinados máis de 126 millóns de euros nos últimos seis anos co obxectivo de atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.
Así o salientou no marco da rolda de prensa de Inserta Empleo para presentar os programas estatais FSE+ de Emprego Xuvenil e de Inclusión Social, garantía infantil e loita contra a pobreza. Precisamente a entidade Inserta Empleo, dependente da Fundación ONCE, recibiu desde 2009 distintos apoios do Executivo autonómico ao abeiro das axudas destinadas aos centros especiais de emprego. Ademais, Pablo Fernández, fixo referencia o apoio de 3 millóns de euros para incentivar a contratación de persoas con discapacidade ou risco exclusión social no marco do programa Galicia Emprega 2025.