Logo dunha visita a estas instalacións, con máis de 20 anos de antigüidade, o presidente da Deputación sinalou a necesidade de acometer melloras no parque, para o que os membros deste servizo realizarán un informe con todo o necesario que debería acometer a Deputación
O presidente da Deputación, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita ás instalacións do parque de bombeiros da Deputación, situado no Polígono de San Cibrao das Viñas, que presta servizo a un área de máis de 30.000 habitantes, sendo tamén a área industrial máis importante de Ourense “pois concentra unha parte importantísima, o 70 ou 80% da industria e case de toda a provincia”, sinalou.
Menor salientou o carácter estratéxico e a importancia deste parque, que leva máis de 20 anos en funcionamento, “e comprobamos o seu extraordinario funcionamento, pero tamén a necesidade de implementar melloras, tanto nas propias instalacións como nas súas dotacións”. De feito, os 11 membros deste servizo provincial comprometéronse a elaborar un informe con todo o necesario que debería acometer a Deputación para levar a cabo esas melloras.
Mencionou o presidente provincial a posibilidade de crear un proxecto para poder cambiar as instalacións, toda vez que a ubicación das mesmas impide un crecemento destas, “un crecemento absolutamente necesario, e que temos que abordar probablemente noutro lugar inmediato, así que comprometémonos a mellorar tanto as condicións actuais e materiais e tamén estudar o aumento da súa dotación de profesionais”. De feito, fixou nun horizonte maior a “posibilidade de construír un parque comarcal, un parque metropolitano de Ourense que preste servizos a esas máis de 30.000 persoas e acolla as necesidades da industria da provincia”.