― José González insta á necesidade de sumar esforzos entre administracións, demandando que Galicia acceda a recursos Next Generation -que o Goberno reservou e non está a executar- para potenciar os proxectos que impulsa a Xunta para o sector
― Entre eles destaca a aposta polos mercados de abastos, potenciando o selo de Mercados Excelentes, e para o que a comunidade galega conta cunha folla de ruta coa que vai determinando que prazas de abastos poden ter as condicións para selo
― A Xunta investiu no 2024 máis de 10,4 M€ de fondos propios ao sector, con medidas como os Bonos Activa Comercio, e finalizará este trimestre o Plan estratéxico de comercio 2025-2030 para avanzar nunha folla de ruta con eixos como ‘Vilas Vivas’
― O conselleiro reitera ao Estado a importancia dunha cogobernanza real coas comunidades, tendo en conta a súa capacidade de xestión e as súas particularidades, como xa demandou co reparto dos fondos de formación para o emprego
― Esta xuntanza súmase ás mantidas polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración cos secretarios de Estado de materias relacionadas coa Consellería, como as que tiveron lugar cos de Traballo e de Migracións
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse hoxe en Madrid coa secretaria de Estado de Comercio, María Amparo López Senovilla, ante a que debullou a aposta de Galicia a prol do comercio de proximidade e instou á necesidade de sumar esforzos entre as administracións, demandando que a Comunidade poida acceder a recursos Next Generation —que o Goberno reservou e non está a executar- para a materialización dos proxectos singulares dirixidos ao sector que prevé impulsar a Xunta este ano. Unha batería de medidas que quedarán englobadas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que estará finalizado neste primeiro trimestre.
Na xuntanza, José González fixo fincapé no esforzo que está a desenvolver Galicia para garantir a competitividade e a remuda xeracional do comercio como un elemento fundamental de vertebración do territorio. Un eido que se seguirá potenciando este ano e ao que no 2024 se destinaron máis de 10,4 M€ procedentes exclusivamente de fondos propios -con medidas como os Bonos Activa Comercio e de apoio aos diferentes actores do sector-. Estas axudas, remarcou, deberían complementarse con apoios de administracións como o Goberno central. A este respecto, González subliñou que esta coordinación é clave para apoiar e potenciar de xeito eficaz o tecido comercial na Comunidade e atender as súas necesidades.
Neste marco, volveu reclamar ao Estado mellor planificación dos fondos europeos, maior axilidade na asignación e execución e unha cogobernanza real coas CCAA, tendo en conta a súa capacidade de xestión e as súas particularidades, demanda que se suma a outras xa feitas na mesma liña por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración relativas, por exemplo, ao reparto dos fondos finalistas de formación para o emprego.
Proxectos singulares de impulso do comercio
Na xuntanza de hoxe, José González puxo en valor o traballo da Xunta por avanzar, da man dos diferentes axentes do sector, en medidas para incentivar o consumo e potenciar a actividade empresarial e comercial. Mostra deste esforzo, indicou, é o xa mencionado Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Esta planificación incluirá medidas para favorecer o sector, entre elas, o impulso ás prazas e mercados de abastos para transformalos en Mercados Excelentes e convertelos en espazos xeradores de riqueza e emprego. Neste ámbito, Galicia conta cunha folla de ruta a través da que, previa diagnose, se vai determinando cales poden ter as condicións para ser mercados excelentes. A isto engadiu que a CCAA conta con anteproxectos deste tipo de actuacións en distintas localidades e que, coa colaboración entre administracións nun réxime de cofinanciamento, se podería abordar un proxecto máis ambicioso neste eido.
Accións como esta ou outras que está a desenvolver Galicia neste eido como ‘Vilas Vivas’, un proxecto que busca impulsar as cabeceiras de comarca a través de experiencias de comercio efémero, van en liña cos eixos nos que pon o foco o Goberno central na súa estratexia de política económica dos fondos Next Generation. Segundo subliñou González, acceder a estes recursos para impulsar estas medidas permitiría ao sector comercial galego afrontar con maior resiliencia os novos escenarios e retos aos que debe facer fronte para o seu desenvolvemento. Tamén favorecería apoiar con maior amplitude a promoción, impulso e mellora da produtividade desta actividade, que en Galicia ten un peso de máis do 11% no Produto Interior Bruto e que aporta arredor do 17% do emprego.
Esta reunión forma parte da rolda de contactos que está a manter o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración cos secretarios de Estado de materias relacionadas coa Consellería, como as que tiveron lugar cos secretarios de Estado de Traballo e de Migracións para defender os intereses de Galicia.