— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou que a falta de orzamentos estatais impediu que Galicia arrinque o exercicio con novos tribunais
— Pese a tratarse dunha competencia estatal, a Xunta tiña reservada nos orzamentos deste ano 850.000 euros para os gastos de persoal de máis dunha vintena de prazas de persoal funcionario co obxectivo de cumprir como cada ano coa posta en funcionamento dos novos tribunais en xaneiro
— Diego Calvo fixo estas declaracións nunha visita ao edificio xudicial de Betanzos, que conta cun dos case medio cento de desfibriladores que o Goberno galego colocará ata 2026 para atender unha posible parada cardiorrespiratoria nestas instalacións e que suporá un investimento de máis de 80.000 euros
A Xunta lamenta que este ano non sexa posible a posta en marcha dos novos xulgados asignados polo Goberno central debido a que o Ministerio de Xustiza non comunicou as novas unidades xudiciais correspondentes á programación de 2024.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou hoxe en Betanzos que Galicia, cada 31 de decembro, cumpría coa entrada en funcionamento das novas unidades e xa o ano pasado non fora posible e demorarase debido ao retraso ata finais de decembro da publicación do real decreto do Executivo estatal cos tribunais concedidos. Por iso, incidiu en que a falta de orzamentos estatais provocou neste caso que a comunidade galega non poida arrincar este exercicio con novas unidades xudiciais.
Na petición trasladada o pasado maio na Comisión Mixta de Xustiza entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) insistíase na proposta que xa fora desatendida para que o Goberno central lle dea prioridade á posta en marcha dun xulgado de Violencia sobre a Muller no partido xudicial de Santiago de Compostela, que se sume aos operativos nas cidades da Coruña e Vigo. Nas prioridades da relación presentada ao Ministerio de Xustiza, acordada en base ás cargas de traballo, tamén figuraban un xulgado de Primeira Instancia para Ourense e cadanseu de Primeira Instancia e Instrución en Viveiro e Vilagarcía de Arousa. A petición incluía ademais maxistrados para a Sección 4ª, civil, da Audiencia Provincial da Coruña; para a Sección 2ª, penal, da Audiencia Provincial de Pontevedra; e para a Sala do Social do TSXG.
Cómpre lembrar que, pese a tratarse dunha competencia estatal, a Xunta acepta e financia todas as unidades xudiciais que outorgue o Consello Xeral do Poder Xudicial, unha vez que chega a comunicación na que se establece o número asignado e comprométese a poñelas en funcionamento no menor tempo posible como viña facendo cada ano. Deste xeito, os orzamentos da Xunta deste 2025 xa recollían unha partida de 850.000 euros en gastos de persoal de máis dunha vintena de funcionarios de Administración de Xustiza -xestores procesuales, tramitadores e auxilios- previstos para tres unidades que, de media, concede o Goberno central cada ano.
Desfibriladores xulgados galegos
O conselleiro fixo estas declaracións nunha visita hoxe, xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, ao edificio xudicial de Betanzos, un dos 44 que contarán cun desfibrilador para garantir a atención ante unha posible parada cardiorrespiratoria aos profesionais da Administración de Xustiza que traballan nas instalacións ou dos centos de persoas usuarias que cada día se trasladan a estas dependencias a realizar trámites xudiciais. A Xunta investirá ata 2026 máis de 80.000 euros na instalación deste material.
A medida comezou en 2022 e nos últimos meses colocáronse 14 desfibriladores noutros tantos xulgados galegos, entre eles o de Betanzos, xunto cos de Carballo, Ribeira, Corcubión e Ordes, na provincia da Coruña. Na provincia de Pontevedra dotouse de este equipamento aos tribunais de Cambados, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Cangas e Tui; aos que se suman os xulgados dos concellos ourensáns de Verín e O Carballiño e dos lucenses de Viveiro e Tui. O persoal destes edificios habilitado para o seu uso recibirá a formación necesaria nas próximas semanas. O titular de Xustiza avanzou que a instalación continuará de forma progresiva neste ano co obxectivo de culminar no 2026.
Diego Calvo incidiu na necesidade de protexer a saúde cardiovascular da cidadanía seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias de contar con desfibriladores fóra do ámbito sanitario como é o caso dos edificios xudiciais.
Cómpre destacar que os DESA son aparatos electrónicos portátiles sinxelos de manexar que identifica e tratan a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática dunha fibrilación ou taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo electricamente. Por iso, a Xunta tamén dota aos equipos de servizos de emerxencias da comunidade deste material necesario para moitas das súas intervencións e ofrece aos seus profesionais a formación necesaria para o seu manexo.
Actuacións xulgados Betanzos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes aproveitou a visita aos xulgados de Betanzos para coñecer as melloras levadas a cabo o ano pasado por valor de case 10.000 euros na instalación dun espazo para as forzas e corpos de seguridade e dun arco detector de metais, que se suman á colocación do desfibrilador. Nesta liña, anunciou que este ano continuarán as obras cun montante de 28.000 euros en obras na cuberta e na porta cortaventos da entrada.