O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou este martes no Museo Reino Sofía de Madrid, onde se atopa como parte da delegación que representa a institución provincial en FITUR, a exposición ‘Esperpento. Arte popular y revolución estética’. A mostra xira arredor dun concepto, o de esperpento, que foi formulado polo escritor pontevedrés Ramón María del Valle-Inclán como ferramenta crítica, empregando a deformación para confrontar a rixidez social, política e cultural do primeiro terzo do século XX. A exposición, que se pode visitar ata o próximo 10 de marzo, contén varias obras da colección do Museo de Pontevedra, entre elas seis pezas de Castelao.